Ribadeo, 11 de novembro de 2014. O xoves, 13 de novembro, no Concello ribadense terán lugar dúas comisións informativas preparatorias do pleno da vindeira semana nas que se abordarán cuestións coma o refinanciamento de préstamos do pago a provedores, a modificación das ordenanzas de acceso ás prestacións económicas para familias en situacións de emerxencia ou urxente necesidade ou dous convenios con Tráfico.
O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “dentro destes numerosos puntos que van ser tratados nas comisións informativas que son previas ao pleno que se vai celebrar a semana próxima un máis rechamantes é o refinanciamento dos préstamos do plan de pago a provedores, que o podemos levar adiante porque cumprimos as condicións de ter aforro neto positivo no ano pasado, cumprimos co límite de débeda porque non pasamos do 75% dos recursos ordinarios senón que tan só temos o 35%, cumprimos tamén cos obxectivos de estabilidade orzamentaria e cumprimos coa regra de gasto. Polo tanto podemos refinanciar a débeda e isto vai supoñer un aforro ata o final dos préstamos duns 177.000 euros. Para o ano que ven, que sería a anualidade máis importante, o aforro sería duns 40.000 euros e pagar menos de tipo de xuro”.
Para o rexedor “é algo importante porque nos dá certa marxe de manobra para outros aspectos máis sociais ou de investimento, que é o que pretendemos seguir desenvolvendo”.
Nas comisións informativas do xoves, “están tamén vinculadas estas modificacións que queremos facer das ordenanzas reguladoras das bases de acceso a prestacións para familias en situación de emerxencia ou de urxente necesidade e aquelas outras de prestacións económicas para facilitar o acceso ás actividades dirixidas a menores que organicemos dende o Concello. Isto quere dicir que dende o ano pasado, cando creamos estas ordenanzas para botarlle unha man a aquela xente que non o estea pasando ben e teña problemas de situacións de emerxencia, sempre con informes sociais, estábamos vendo que aínda que dábamos unha serie de axudas había xente que por moi pouco diñeiro quedaba ás portas de poder ser receptora”. Suárez Barcia engadiu: “de aí que queremos modificar esta ordenanza, ampliando o rango económico para poder ser receptor destas prestacións económicas. Non nos importa investir máis diñeiro, o que queremos é que ninguén cunha situación económica precaria, acreditada con informes técnicos, quede sen que lle poidamos botar unha man ou que os seus fillos non teñan que deixar de vir ás actividades da escola de música, deportivas ou culturais porque os seus pais non teñan recursos. De aí que queiramos ampliar estes rangos”.
O alcalde de Ribadeo contou que “tamén queremos aprobar dous convenios de colaboración que vamos levar adiante coa Xefatura Central de Tráfico: un deles é renovar un convenio de traspaso de datos e de información entre a Policía Local e a Xefatura de Tráfico; e logo hai outro convenio que queremos facer para que cando a xente se empadroe aquí, en Ribadeo, que por fortuna segue sendo un sitio onde a xente se ven empadroando, que poidamos nese mesmo momento facer a tramitación para traer o seu vehículo, que pode estar asentado noutro concello, para que esa persoa evite ir a Lugo por exemplo, como ten que facer ata agora, e que o poida facer todo no Concello de Ribadeo. Con isto o padrón de vehículos verase incrementado, por facilidade do traballo, e ao mesmo tempo a ese novo veciño evitarémoslle ter que ir á capital da provincia para facer ese trámite, que por este motivo a realidade é que moita xente acaba non indo e vive aquí, pero ten o coche onde vivía anteriormente”.
Fernando Suárez Barcia indicou que “tamén hai outra cuestión que temos que regular, que neste caso non é por iniciativa nosa senón por unha orde da Xunta que é modificar a ordenanza do servizo de axuda no fogar para adaptalo a un decreto, no cal vai haber un cambio nas taxas que os usuarios teñen que pagar e nalgún caso será aumentado. Pero témolo que facer por mandato expreso e imperativo da Xunta de Galicia”.