Ribadeo, 11 de novembro de 2014. O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deportes, o nacionalista Antonio Veiga, e María Emma Caamaño García, en representación da Asociación de Persoas con Discapacidade da Mariña Lucense, colectivo integrado dentro da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI-A Mariña), asinaron este martes na sede deste colectivo un convenio de colaboración a través do que o organismo provincial achegará 6.000 euros para sufragar parte dos gastos derivados do desenvolvemento durante este segundo semestre do ano do programa ‘Rehabilitación física e emocional para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade’, que impulsa esta asociación mariñá.
Antonio Veiga explicou que “con este convenio que vimos de asinar con COGAMI-A Mariña, o que pretendemos é achegar todos os servizos posibles ás persoas con discapacidade, independentemente do concello onde vivan. Entendemos que hai que colaborar na posta en marcha destes servizos e, sobre todo, con estas asociacións que traballan no ámbito do benestar. Esta é a liña de traballo da área de Benestar da Deputación e lamentamos que non sexa compartida, ao 100%, por outras administracións, como a Xunta de Galiza, que si teñen moitas responsabilidades no benestar das persoas con discapacidade”, sinalou o vicepresidente do organismo provincial.
Unha das metas máis importantes da Asociación de Persoas con Discapacidade da Mariña Lucense, dende a súa implantación na comarca no 2003, é que entre os beneficiarios dos seus proxectos se atopen principalmente persoas do eido rural e con escasos recursos económicos, factores que, ata o de agora, viñan dificultando o acceso a un servizo como este que se presenta.
Con este programa, COGAMI-A Mariña pretende tratar ás persoas con discapacidade de xeito integral, traballando as doenzas ou limitacións físicas xunto coas doenzas emocionais e no que se considera fundamental tratar ás persoas na súa totalidade: físico-emocional-social, pola clara interrelación entre estes tres ámbitos diferentes, que inciden no benestar da persoa, proporcionándolle saúde, autonomía, liberdade de movemento-acción e autoestima.
Fisioterapia e terapia Reiki
Para acadar este obxectivo, puxeron en marcha dúas actividades principais. Por un lado, o tratamento de fisioterapia, xa que as persoas con discapacidade algunhas veces teñen un deterioro simplemente polas súas posturas, pola súa posición ou polo propia discapacidade. Coa fisioterapia trabállase a parte física da persoa, para que conserve e mellore a súa capacidade motora é tentar retrasar o proceso de deterioro, facendo que as deformacións non se cheguen a instaurar.
Este proxecto busca complementar as sesións de fisioterapia, encauzadas a traballar a parte física da persoa, coa terapia Reiki, orientada a conseguir un equilibrio emocional, a relaxación muscular ou a diminución da ansiedade. Aínda que está terapia, cualificada de alternativa, aínda xera polémica, comeza a ser recoñecida para tratar enfermidades e desequilibrios físicos, mentais e emocionais. Permite, entre outras cuestións, alcanzar resultados de relaxación muscular, diminución da ansiedade, da dor, da mellora do ánimo e do sono, e, ademais, reduce os efectos secundarios dos tratamentos con fármacos.