Barreiros, 16 de marzo de 2015. “Oé, Oé, Oé”, a obra de teatro escrita por Maxi Rodríguez, foi a escollida para ser a segunda peza que representará o grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, despois do éxito acadado o pasado ano coa súa primeira obra “Os vellos non deben de namorarse”, que xuntou a máis de 400 persoas no Gustavo Freire e máis de 3.000 persoas no seu periplo escénico por toda Galiza.
Ollomao achega a Lugo “Oé, Oé, Oé” despois dunha xira con esta obra por varios concellos da Mariña durante o último ano. Esta montaxe tenta facer reflexionar ao espectador sobre a paixón futbolística como escusa para desviar a nosa atención da crise e demais problemas que nos afectan como sociedade.
Esta obra, estreada en Asturias no ano 1994 percorreu gran parte da xeografía española e foi traducida ao galego por Roberto Vidal Bolaño e representada polo grupo “Teatro do Aquí” no que supuxo un dos maiores éxitos de público do teatro galego. Tamén foi estreada con grande éxito en Portugal, distintos países iberoamericanos e, recentemente, en Grecia. Nesta ocasión, o grupo de teatro de Ollomao parte do orixinal de Maxi Rodríguez para traducilo, adaptalo e actualizalo. Como di Jorge Valdano no prólogo da obra; “Oé, oé, oé!” convida co seu título a un xúbilo mentireiro; a obra enteira está salpicada dun humor que de entrada fai cóxegas pero de saída rabuña.
A entrada custará 3 euros
A representación no auditorio lugués será o venres 20 de marzo ás 8 da tarde. A entrada a este espectáculo tén un prezo de 3 €, recadación que o Colectivo Cultural Ollomao destina ao mantemento e cobertura dos gastos do grupo de teatro. As entradas estarán dispoñibles o mesmo día da función na taquilla do propio auditorio desde unha hora antes do comezo do espectáculo.
O grupo de teatro de Ollomao comezou a súa andaina a comezos do 2013 chegando a facer ata 12 funcións da súa primeira obra “Os vellos non deben de namorarse”. Un ano despois, o pavillón de San Miguel de Reinante, en Barreiros, volvía converterse nun auditorio para acoller a primeira representación de “Oé, Oé, Oé”, que chega agora a Lugo.




















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



