Ribadeo, 14 de setembro de 2015. A primeira edición da Festa dos Condutores, para conmemorar a festividade de San Cristóbal, celebrada en Ribadeo contou coa participación de 65 camións e máis de 300 persoas da Mariña lucense e o Occidente Asturiano. Estes datos foron dados a coñecer polos organizadores, que se mostraron moi satisfeitos de como resultou o evento.
Os camións, que moitos deles ían engalanados, concentráronse o pasado sábado pola tarde no restaurante Casa Foguete, de Vilaframil, onde houbo unha misa e bendición dos vehículos para despois participar nunha procesión, que causou expectación ao seu paso polas rúas e estradas do municipio ribadense por onde transcorreu.
A festa finalizou cunha cea baile con máis de 300 participantes, que se celebrou no restaurante Casa Foguete, establecemento hostaleiro que colaborou xunto á firma de servizos gráficos Mediastintas e á tenda de recambios e accesorios do automóbil Hiperauto neste evento promovido pola empresa de transportes Miana Operadores.