Santiago, 9 de outubro de 2015.- O portavoz da área forestal do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro explicou este venres que a formación política á que pertence vén de apoiar e facilitar un acordo unánime do Parlamento de Galicia sobre a erradicación da vespa velutina, tendo presente que incorpora medidas que a Xunta de Galicia xa ten en marcha na loita contra este insecto.
Balseiro lembra que os expertos e os profesionais apícolas recoñecen que se trata dunha praga de complicada erradicación aínda que destaca, en Galicia se teñen adoptado medidas pioneiras, entre todas as comunidades autónomas para o seu combate, sempre en consenso co sector.
PRIORIDADE NA ACCIÓN DA XUNTA
O popular pon en valor o acordo unánime adoptado na Cámara e, en consecuencia, a consideración por parte de todas as forzas políticas deste problema como unha prioridade a ter en conta na acción do Goberno da Xunta.
“Superar o partidismo e consensuar as acutacións a desenvolver é un paso importante e unha mensaxe positiva que damos aos galegos e, en particular, aos profesionais (apicultores, produtores de froita e operarios forestais) que se ven afectados por esta praga”- indicou Balseiro.
PLAN DE VIXILANCIA E CONTROL
Balseiro lembrou que a Xunta de Galicia ten en marcha distintas medidas dirixidas a evitar a súa propagación, así como a minorar o impacto que poida ter sobre o medio ambiente e sobre as abellas produtoras de mel e finalmente, realiza un seguimento desde o punto de vista sanitario.
“Hai en marcha un Plan Específico de Vixilancia e Control desta vespa”- recalcou Balseiro- lembrando que se desenvolve “en colaboración cos propios profesionais cos que se manteñen reunións e xuntanzas permanentes, ata o punto de consensuar a creación dun Comité de Seguimento no que se integrarán todas as asociacións profesionais”.
A OPOSICIÓN NON PROPÓN MEDIDAS DIFERENTES
Balseiro salientou que este plan inclúe “todas as medidas que a oposición propuxo nas súas iniciativas e que, polo tanto, non hai ningunha diferente, que puidera estudarse e incorporarse como novidade”.
Neste senso repasou as principais destas accións que consisten na colocación de trampas para detectar a evolución da difusión do insecto no territorio e a localización de niños para a súa eliminación. De feito, Medio Rural repartiu gratuitamente aos apicultores outras 1.500 trampas e líquido atraente. Esta entrega súmase ás 1.300 trampas que xa se repartiron nesta primavera, onde se capturaron unhas 3.000 raíñas.
“O obxectivo destes trampeos é a captura de raíñas no outono, evitando a formación de novos niños ao ano seguinte”-explicou o deputado.
Balseiro tamén citou as medidas compensatorias: Medio Rural habilitou un crédito por montante 397.500 euros, para esta anualidade, en axudas directas aos apicultores. E, finalmente, lembrou que Galicia é a única das comunidades autónomas en establecer un programa de investigación específica para limitar os efectos da invasión deste insecto.