Os Voluntarios de Alcoa San Cibrao clausuran este venres, 30 de outubro, o Mes do Voluntariado de Alcoa cunha intensa xornada na que, mentres un nutrido grupo de voluntarios acondiciona a zona de descanso do Faro de Roncadoira en Xove para goce da comunidade, outro grupo pintará as dependencias da Casa de Acollida de Cáritas en Viveiro. Tanto esta organización benéfica coma a Asociación Saiñas de Xove recibirán senllas axudas de 3.000 dólares de Fundación Alcoa como respaldo a estas iniciativas solidarias dos traballadores de Alcoa San Cibrao.
Os voluntarios de Alcoa unirán forzas cos de Asociación Saiñas nos traballos de acondicionamento da contorna de Vilachá, en dirección ó Faro Roncadoira no municipio de Xove, onde instalarán dúas mesas e bancos de madeira para crear un merendeiro, repararán e vernizarán a barandilla de madeira xa existente e plantarán carballos e castaños que no futuro darán sombra ao merendeiro.
Mentres tanto, outro grupo traballadores voluntarios, armados de brochas, dispoñeranse a dar un novo aspecto á casa de acolleita de persoas en situacións difíciles de Cáritas en Viveiro, coa intención crear un ambiente renovado e máis agradable ás distintas estancias da vivenda.
Asociación Cultural Saiñas desenvolve actividades culturais desde fai 30 anos na Mariña lucense, principalmente vinculadas á música e o folclore tradicional. No seu currículo figura a participación en diversos festivais folclóricos nacionais e internacionais con grupos infantís e de adultos, como o Gotha en Alemaña, e unha diversidade de actos culturais e solidarios. Os voluntarios de Alcoa San Cibrao colaboraron con esta organización tamén na restauración da fonte de pedra de Toimil, na parroquia de Xuances, en Xove.
Cáritas Interparroquial de Viveiro, con quen os voluntarios de Alcoa veñen colaborando desde fai máis de dez anos, presta atención e asistencia a persoas necesitadas ou en situación de precariedade, en forma e medida adecuada a cada caso. Por exemplo, fornecendo ou preparando alimentos a domicilio, roupeiro social, axuda económica puntual, compañía a enfermos e persoas maiores, e programas para favorecer a reinserción laboral. Caritas conta tamén cun centro de acolleita para persoas sen fogar.
Alcoa San Cibrao e os seus voluntarios veñen apoiando a Cáritas, tanto con recursos para os necesitados como en tarefas para facilitar ou mellorar o seu labor, como o traslado do antigo roupeiro a novas instalacións, a reparación da casa de acollida e tamén colaboran cada ano na recolleita de alimentos en Nadal, entregando uns 700 kg cada ano procedentes das achegas dos empregados da fábrica.
Durante o Mes do Voluntariado de Alcoa, que a fábrica de San Cibrao clausura est venres, os voluntarios intensificaron as súas actividades para beneficio da comunidade da Mariña e en especial para os colectivos que precisan unha atención especial. Ademais das actividades programadas con Cáritas de Viveiro e a Asociación Saiñas de Xove, ao longo deste mes de outubro os voluntarios de Alcoa organizaron a III Carreira Solidaria para promover unha vida saudable e recoller alimentos para Cáritas de Xove, ensinaron aos alumnos do IES Marqués de Sargadelos sobre os procesos da fábrica e os valores de Alcoa, organizaron un taller de adornos de Nadal, creado un xardín de prantas aromáticas no Hospital San Pablo e San Lázaro de Mondoñedo e levado ao teatro ás persoas da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña.