Ribadeo, 10 de novembro de 2015. A modificación da ordenanza reguladora das terrazas hostaleiras será un dos asuntos que se abordarán no pleno ordinario do Concello ribadense convocado para o vindeiro xoves, 12 de novembro. O alcalde subliñou que “sexa compatible o uso por parte dos clientes das terrazas dos bares coa utilización da vía pública por parte dos viandantes”, cousa que ás veces se complica. Tamén inclúe novidades para mellorar a súa estética. A creación da sede electrónica e do perfil do contratante do Concello de Ribadeo tamén se someterán a aprobación na vindeira sesión plenaria.
O rexedor explicou que “para este vindeiro pleno ordinario, que se vai celebrar este xoves ás oito e media da tarde, hai varios asuntos importantes, algúns deles vinculados coas novas tecnoloxías da información e da comunicación, como é a idea do Concello de crear a sede electrónica para permitir o exercicio do dereito que teñen os cidadáns a relacionarse coas administracións públicas a través de medios electrónicos. Esta sede electrónica, baixo a url ribadeo.sedeelectronica.gal, vai ser accesible a todos os veciños e veciñas e a todos os cidadáns, sexan ou non veciños do concello, todos os días do ano durante as 24 horas do día. Con isto poderán facer tramitacións electrónicas e de xestión que ata agora non era posible. Só se podían facer indo en persoa á Casa do Concello, pero a partir de agora, unha vez que se poña isto en marcha nos próximos días, será unha realidade”.
Outro dos asuntos que se abordará na sesión plenaria deste xoves é a creación do perfil do contratante: “tamén queremos crear un novo perfil do contratante; é dicir que o Concello de Ribadeo como órgano de contratación quere asegurar a transparencia e o acceso público na súa actividade contractual dun xeito claro para o cidadán, de tal maneira que neste perfil do contratante municipal debe constar a información de anuncios de licitación de obras ou servizos, de composición das mesas de contratación, de adxudicacións, de procedementos de adxudicación anulados, así como calquera outro tipo de información xeral sobre a actividade contractual do Concello que se considere pertinente. Nos últimos tempos xa había un perfil do contratante pero era prestado, da Xunta de Galicia, e é necesario que Ribadeo teña o seu propio”, seguiu a relatar Suárez Barcia.
O alcalde de Ribadeo indicou que “tamén levamos para a aprobación inicial unha modificación da ordenanza reguladora da taxa de ocupación de terreos de uso público con elementos de finalidade lucrativa. É o que ten que ver coas terrazas. É unha ordenanza que nos últimos anos sufriu algúns cambios para adaptala e agora é necesario darlle unha volta a maiores, porque desde o goberno municipal e entendo que desde toda a Corporación pretendemos que haxa dinamismo, que haxa movemento económico a través do sector da hostalería, coas terrazas, e queremos favorecelo. Pero a mesmo tempo desde o Concello temos que garantir que eses dereitos non choquen coa libre circulación dos viandantes e dos peóns, que moitas veces practicamente parece que teñen que pedir permiso para pasar pola vía pública”. Fernando Suárez engadiu: “e iso é algo ao que quixemos darlle unha voltiña na redacción da ordenanza, para o que tomamos como modelo exemplos de ordenanzas de cidades, como Lugo, Santiago, Xixón ou Avilés, e quixemos engadir algúns articulados no sentido de non limitar pero ao mesmo tempo indicarlle ao hostaleiro interesado que queira solicitar unha ocupación de vía pública que determine como se vai utilizar dentro dese espazo: cantas mesas e cadeiras se van poñer e como vai ser a forma. Porque moitas veces pídense uns determinados metros cadrados e ao final aí acábanse metendo un gran número de mesas e cadeiras e despois os clientes acaban ciscándoas por toda a vía pública. E iso non pode ser”.
O rexedor ribadense considera que “hai algunhas circunstancias que fan necesario revisar, non para subir a taxa, nin moito menos, porque non se vai tocar o aspecto económico, senón para regular e ordenar para que sexa compatible o uso por parte dos clientes das terrazas dos bares, pero tamén a utilización da vía pública por parte dos viandantes. E tamén ten algunha modificación de cara a que as novas autorizacións terán que poñer uns elementos cunha certa estética, bastante homoxénea, non se van utilizar as mesas ou as cadeiras de propaganda de casas comerciais senón que, seguindo a estela de moitos outros concellos con cascos históricos e que queren ter a súa vila o máis bonita posible, teñan unha determinada estética. Ao mesmo tempo para aqueles que xa teñen autorizado e que igual fixeron un investimento dáse un período de carencia de 5 anos sen que se lles esixa que cambien o seu mobiliario para adaptalo con estas tonalidades e formas de madeira adecuadas para o caso de Ribadeo”.





















Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.



