Lourenzá, 15 de novembro de 2015.- O pasado sábado, 14 de novembro, unha trintena de membros da Asociación de Sendeirismo “Terras de Lourenzá” desprazáronse ata a provincia de Ourense, concretamente ao Concello de O Carballiño, onde comezaron a ruta da “Senda do Arenteiro”, que os levou ao son do río do mesmo nome, durante 12 quilómetros, para rematar en Pazos de Arenteiro, un pequeno pobo do Concello de Boborás.
Durante o traxecto, admiraron, non só as fermosas paisaxes naturais que ofrece o entorno do Río Arenteiro, senón tamén unha morea de elementos patrimoniais e arquitectónicos da zona (pontes románicas sobre o río, antigos muíños, pazos nas diferentes aldeas polas que pasearon e o Templo da Veracruz, tan distintivo de O Carballiño).