Burela, 8 de abril de 2016.- O Concello sigue coas actividades en torno á celebración do Día Internacional do Deporte para o Desenrolo e a Paz.
Este sábado haberá unha clase de spinning aberta a todo o público na praza do Concello en tres sesións de vinte minutos ás 11:30, 12:00 e 12:30 horas. Será impartida polo Ximnasio Hawk. Ademais ás 18:30 horas terá lugar o partido de fútbol sala feminino de Primeira División entre o CD Burela FS Pescados Rubén e o Universidad de Alicante.
O domingo, día 10, celebrarase a carreira solidaria Gotas para Níxer con saída ás 12:00 horas da praza do Concello. A actividade está aberta a todo o público e percorrerá as rúas Rosalía de Castro, Lamestra e Emilia Pardo Bazán. A inscrición realizarase a partir das once da mañá. Cada participante doará un euro, que irá destinado a este proxecto de Unicef co que colabora o Concello burelés.
Tamén o domingo entre as 16:00 e as 20:00 horas na praza da Mariña haberá unha sesión de multideporte cunha pausa ás 17:30 horas para a merenda. Esa xornada estarán pechadas ao tráfico as rúas Eijo Garay e Emilio Pardo Bazán durante a realización das actividades.
As Concellerías de Medio Ambiente e Deportes, organizadoras deste programa de actividades, agradecen “a todo o mundo a participación nesta iniciativa, ás firmas colaboradoras e a todas as persoas que acudiron ás charlas e as diferentes sesións deportivas que houbo durante estes días”.