Foz, 3 de maio de 2016. A biblioteca pública municipal de Foz organiza unha programación especial desde este mes de maio ata novembro para celebrar o Día das Letras Galegas co lema “Festexando o ano de Manuel María”.
A responsable da biblioteca, María Jesús Álvarez, explicou que “facendo un gran esforzo, intentamos mesturar actividades para todas as idades pero incidindo especialmente na mocidade. Dar a coñecer a palabra do poeta de distintas maneiras: a través da música, de certames, de exposicións, … Esperamos que sexa do agrado de todos e que dende a Biblioteca Pública acheguemos a obra e a vida aos veciños de Foz dun escritor moi querido e respectado na nosa vila polos seus lazos e traxectoria persoal”.
María Jesús Álvarez especificou que “empezaremos cos certames de narración e debuxo Letras Galegas 2016. Achegaremos a súa obra aos máis pequenos con Babacontos con Manuel María, a cargo de Larraitz Urruzola o venres día 13 de maio ás 18 horas. Utilizando as ferramentas da narración oral tradicionais, coñeceremos algunhas das súas poesías de Os soños na gaiola, nas súas versións cantadas nos libros discos dispoñibles que son varios xa neste momento, da man da actriz Larraitz Urruzola. O Día das Letras Galegas, 17 de maio, a través das ondas de RadioFoz haberá unha programación especial dedicada á vida e obra do poeta. O venres 20 de maio teremos a Quedada Literaria para todos os veciños e centros de ensino cunha lectura pública da obra de Manuel María no salón de actos da Casa da Cultura durante todo o día. A mellor maneira de coñecer ao autor lendo a súa obra”.
A bibliotecaria engadiu que “en maio e xuño teremos o certame Fotografiando a literatura para mozos menores de 30 anos que deberán presentar unha proposta dunha foto con poema ou texto narrativo de Manuel María do que esperamos que saían estupendas achegas. As bases poden consultalas na Biblioteca Pública Municipal e animamos a participar a toda a mocidade mariñá”. O prazo de presentación de traballos empeza este venres, día 5, e rematará o 5 de xuño. O premio para o gañador é un libro electrónico.
“No verán, concretamente na Feira do Libro de Foz que será do 18 ao 21 de agosto, contaremos con Luis Vallecillo que representará O Bigote de Mimi, unha proposta escénica na que músicos e un titiriteiro se unen para amosarnos a historia do gato Mimi. Un guitarrista que agocha un segredo, un baixista tremendo, uns ratos sobrados de ritmo e moitas máis sorpresas nunha obra sen dúbida asombrosa na que a diversión está asegurada. Co comezo da época escolar, en outubro teremos a exposición Manuel María, palabra viva, cedida pola Casa Museo Manuel María e que estará na Casa da Cultura. E remataremos o ano co espectáculo Manuel María con maxia e música, de Alvaro Muras. É un percorrido guionizado de maxia e música a través da vida e obra do autor Manuel María, un espectáculo con fondo musical e moita ilusión que navega nos versos do poeta lucense. 60 minutos de sorpresas con cancións, cordas, cartas, panos, papeis e coa vida de Manuel María coma escenografía”, anunciou tamén María Jesús Álvarez, quen rematou agradecendo a colaboración para esta programación “da Consellería de Cultura e especialmente da Casa Museo Manuel María”.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



