Lugo, 9 de xuño de 2016.- A raíz das informacións que se viñeron ofrecendo nos últimos días en diferentes medios de comunicación en relación cun presunto delito electoral que afecta tanto a afiliados desta formación política como ao propio partido, vemos conveniente facer as seguintes manifestacións:
Primeiro.- As dilixencias de investigación levadas a cabo polo Xulgado de Instrución nº2 de Lugo obedecen a unha denuncia feita pola formación AGE (Alternativa Galega de Esquerdas) sobre uns feitos que esta mesma formación considera delituosos. Tales feitos, levados a cabo tanto por afiliados do Partido Popular como por outras persoas alleas a devandito partido, consistiron en facilitar o traslado de persoas con mobilidade reducida desde o asilo de anciáns de Lugo ao colexio electoral situado ao outro extremo da rúa.
Segundo.- Todas as persoas que o día dos feitos acudiron a emitir o seu voto neste colexio electoral estaban inscritas no censo sen que ningunha delas estivese no momento de exercer o seu dereito ao voto incapacitada legalmente. De igual xeito, cumpríronse escrupulosamente todas as normas que calquera cidadán ten que asumir para poder exercer ese dereito; proba diso é que ninguén da mesa electoral onde se produciron os supostos feitos delituosos (presidente, vogais, interventores ou apoderados) fixo a máis leve referencia ou cuestionou o dereito ao voto destas persoas con mobilidade reducida.
Terceiro.- Das actuacións levadas a cabo polo Xulgado de Instrución non se entende que exista indicio algún dunha posible comisión de condutas que teñan encaixe nalgún dos tipos delituosos previstos na Lei Electoral ou no noso Código Penal por parte dos afiliados do Partido Popular investigados na causa, como así o reflicte o informe que o Ministerio Fiscal emitiu xa en febreiro do ano 2015.
Cuarto.- Non é certo que a xuíza de instrución considere probada a comisión dun delito electoral por membros do Partido Popular como así referiu algún medio de comunicación. O que fixo a xuíza de instrución é, seguir o procedemento: dar traslado á parte acusadora (AGE), así como ao Ministerio Fiscal, para que formulen o correspondente escrito de acusación ou sobreseimiento da causa.
Quinto.- Polo exposto, só é posible concluír que o feito de que afiliados do Partido Popular axuden a desprazarse a persoas con mobilidade reducida, en ningún caso pode entenderse como unha conduta obxecto de reproche penal.