Ribadeo, 10 de xuño de 2016. A concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, agradece a doazón de alimentos realizada hai uns días por un grupo de traballadores do Banco Santander.
A edil explicou que “esta semana pasaron por Ribadeo máis de 500 persoas, pertencentes ao equipo humano territorial de Asturias e Galicia do Banco Santander. Fixeron un treito do Camiño de Santiago e participaron nunha xornada de traballo no Parador de Turismo”.
Sonia Meilán contou que “doáronnos 200 quilos de alimentos non perecedoiros. E queremos agradecer este xesto que tiveron con Ribadeo e co Concello. Tamén agradecemos á dirección e ao persoal do Parador de Turismo as facilidades dadas para poder depositar e recoller todos os produtos que nos doaron estes traballadores do Banco Santander”.
A concelleira de Servizos Sociosanitarios engadiu que “esa doazón chegará ás familias con menos recursos do noso concello”.