Ribadeo, 1 de xullo de 2016. O Náutico de Ribadeo izaba este venres a bandeira azul e a da Q de calidade turística cun acto no que o presidente, Ramón Acuña, destacou a importancia destes galardóns e encomiou a achega para conseguilos por parte dos traballadores e os socios do club.
O máximo responsable do Real Club Náutico de Ribadeo explicou que estas distincións “califícannos como club responsable co medio ambiente, co trato persoal, coas boas prácticas industriais,… son galardóns que custa bastante manter, pero ano tras ano estamos ao conseguir. O meu agradecemento aos traballadores do Náutico, que son os verdadeiros artífices de conseguísemos estes galardóns; sen o seu traballo, sen a súa colaboración, sen o seu esforzo sería imposible. Tamén aos socios, pola comprensión que teñen á hora de cumprir normas que moitas veces non son moi entendibles pola súa banda. Pero, á fin e ao cabo, estamos a conseguir que entre todos teñamos un club punteiro en toda a nosa costa norte e de referencia en Galicia”.
O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, resaltou que “é un acto cheo de simbolismo porque ostentar estes dous galardóns significa que estas instalacións están encadradas dentro do que son parámetros de excelencia. Tanto sexa desde ou punto de vista ambiental, como é a bandeira azul que entrega a ADEAC, como a Q de calidade, que depende da Secretaría Xeral de Turismo do ministerio do ramo en Madrid, supón que vos propios xestores do Club Náutico e vos usuarios gozan dunhas instalacións e duns servizos dentro dos mellores estándares da calidade que se esixe na náutica”.
José Juan Durán engadiu que “as 17 bandeiras azuis que teñen portos deportivos da comunidade autónoma este ano son unha boa mostra do nivel acadado nestas instalacións que, por outra parte, levamos anos promocionando a nivel nacional e internacional e en moitas ocasións nos acompaña o Real Club Náutico de Ribadeo nesa promoción internacional ca que contamos co respaldo indispensable da directora da Axencia de Turismo de Galicia”.
O presidente de Portos de Galicia manifestou tamén: “quero felicitar ao Real Club Náutico por estas distincións, quero facer extensivo aos usuarios de España, de fóra de España, e de Galicia, por suposto, que fan uso destas instalacións. Eu sería un pouco máis ambicioso que o presidente do Náutico, que falaba de que era unha referencia en Galicia; eu creo que o Club Náutico de Ribadeo é unha referencia en todo o arco atlántico de Europa, e cónstame polas viaxes que facemos a diferentes lugares da costa de Francia, incluso tamén do sur de Inglaterra e de Irlanda. Ribadeo está no mapa tamén pola náutica e a nós énchenos de satisfacción”.
Pola súa banda o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, destacou que “as bandeiras, ademais do acto singular e agradable, denotan traballo e esforzo ao longo de toda a tempada. Porque isto é consecución de moitas pequenas cousas, de pasar auditorías e problemas para que poidamos ter este porto, con estes recoñecementos, que se unen aos que ten xa o concello nas praias. Un porto que é unha referencia en Europa, porta de entrada a moito do turismo que temos medrando ano tras ano, o turismo estranxeiro. No mes de xuño o 30 por cento das persoas que viñeron a Ribadeo a pedir información turística eran de alén das nosas fronteiras do Estado: alemáns, franceses ou ingleses; algo que para Ribadeo non era habitual hai quince anos. É unha suma de todo, do bo facer do Club Náutico, no seu ámbito, e do resto de institucións”.
E o acto concluíu coa intervención da delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, quen comentou que “hoxe é un día de felicitacións para o Club Náutico por ter conseguido un ano máis ese dobre recoñecemento de bandeira azul e Q de calidade. En definitiva é unha felicitación tamén para todos os veciños de Ribadeo, porque que estas bandeiras estean aquí izadas desde hoxe quere dicir que o recoñecemento que ten este porto vai facer que máis xente veña a Ribadeo; e por tanto vai supoñer non soamente un beneficio para o propio Club Náutico senón tamén para a economía de Ribadeo, que creo que é un dos factores importantes a ter en conta. Iso sumado ás outras bandeiras azuis que ten Ribadeo e ten a Mariña lucense”.
Raquel Arias engadiu que “hoxe comeza a tempada de verán na Mariña lucense, co izado de todas as bandeiras azuis, e polo tanto empeza un momento dos máis importantes na comarca, ese pistoletazo de saída para a tempada de verán que é un dos motores económicos da Mariña lucense e tamén de Galicia”.
Finalmente a delegada da Xunta quixo “agradecer a todos os concellos o traballo que veñen facendo para que cada ano teñamos máis bandeiras azuis e desexar que faga bo tempo para que os turistas veñan aquí e volvan outros anos”.