Ribadeo, 12 de xullo de 2016. Intensa semana de actos culturais en Ribadeo coa inauguración de varias exposicións, con espectáculos para os máis pequenos e con música. Parte destas actividades enmárcanse no programa Ribadeo Diversx, posto en marcha para que todos e todas “nos familiaricemos coas diferentes orientacións sexuais e os dereitos de todas as persoas a non ser discriminadas pola súa condición sexual”, segundo deu a coñecer no día de hoxe o concelleiro de Cultura, Farruco Graña.
O edil nacionalista contou que “a semana do 11 ao 17 de xullo ten unha variada gama de actividades en Ribadeo. De entrada, e ata o martes da semana que vén, poderemos ver a exposición de debuxo de Carla Méndez Aires dos anos 30, que está na sala de exposicións da Oficina Municipal de Turismo”.
Graña explicou que “hoxe, 12 de xullo, e integrado no programa Ribadeo Diversx poñeremos en marcha a exposición Diversxs e visibles. Dita mostra será ao aire libre, no Parque de San Francisco, e nela poderemos familiarizarnos un pouquiño máis coas diferentes orientacións sexuais e os dereitos de todas as persoas a non seren discriminadas por razón da súa orientación sexual. Este programa foi posto en marcha pola Deputación Provincial de Lugo”.
O concelleiro de Cultura engadiu que “mañá, mércores, día 13, teremos a Jano Sen Medidas no Parque San Francisco, a partir das 20:30 horas. Trátase dun espectáculo de circo-clown realizado pola compañía PistaCatro para todos os públicos con humor orixinal, participativo e arriscadamente divertido. Xogar coma un neno atrapado nos medos dun adulto. Mesturar a destreza dos malabares, a forza das acrobacias e o desenfreado inxenio coa participación do público. Celebrar un gol, saltar á corda, percorrer unha distancia sobre as mans, soñar vendo as estrelas, imitar un baile ridículo, argallar unha broma ou crer na maxia… velaí todo o que poderemos ver achegándonos ao Parque de San Francisco e pasalo ben con Jano Sen Medidas, da compañía PistaCatro. Trátase dunha actividade integrada no programa Cultura no Camiño, posto en marcha por AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) e Turismo de Galicia”.
A axenda cultural para os vindeiros días inclúe “xa o venres 15, e tamén dentro do programa Ribadeo Diversx, haberá varias actividades no Parque de San Francisco. Ás 11:30 teremos un contacontos no Parque de San Francisco. O título: E ti, cantas mamás tes? Despois deste contacontos, teremos un obradoiro no que se mostrarán de forma didáctica os diferentes tipos de familia. O seu título é A miña familia”. Farruco Graña seguiu a relatar que “o mesmo venres, 15 de xullo, inaugúranse dúas exposicións en Ribadeo. Unha de pintura de Manuel Cancio Varela, na sala de exposicións do Parque de San Francisco. Alí imos poder contemplar os lenzos de Manuel Cancio Varela ata o día 26 de Xullo. E outra exposición, nesta ocasión de fotografía, vai ser inaugurada no Forte de San Damián. Vai estar aberta do 15 ao 31 de xullo en horario de 11:30 a 13:30 e de 18:30 a 20:30 horas. De novo os paseos cara ao Faro de Illa Pancha vanse ver reforzados cunha pequena parada estética no Forte de San Damián”.
O concelleiro de Cultura manifestou que “para rematar a semana, e seguindo co programa Ribadeo Diversx, o sábado imos poder gozar da boa música cun concerto a cargo do grupo De Vacas. Será ás 20:30 no Parque de San Francisco. Faia Díaz xunto a Inés Salvado e Paula Romero, compoñen o grupo De Vacas, do que tamén forma parte o músico Guillerme Fernández, integrante de formacións como Berrogüetto ou aCadaCanto. Fan versións de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Tratan de rescatalos e facerlles unha merecida homenaxe”.
Farruco Graña concluíu: “toda unha semana para aproveitar as diferentes actividades que se poñen en marcha en Ribadeo, onde os paseos son arte e a tarde noite faise espectáculo e música”.






















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



