Burela, 10 de agosto de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, participou nun encontro celebrado este mércores en Burela coa directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e co presidente de ACIA Burela, Rubén Pinín.
O rexedor declarou que “a xuntanza foi para falar do que se ten solicitado desde a ACIA, que é o Centro Comercial Aberto, e as vantaxes claras que pode ter para asociación de comerciantes e para o seu funcionamento aquí no noso concello”.
Llano asegurou que “me pareceu moi interesante todo o que están a facer e penso que é unha vantaxe clara para os comerciantes que aquí traballan. O que vai facer o Concello é estar en disposición sempre para favorecer que isto vaia para arriba, para favorecer en xeral o asentamento de comercios e os postos de traballo que estes poden xerar, e promocionar ao máximo Burela para que a xente se achegue aquí para facer as súas compras”.
O alcalde burelés sinalou que “nos parece unha boa solución o que están tratando de levar adiante e tamén vexo que hai boa disposición da Dirección Xeral de Comercio. Polo tanto espero que en pouco tempo sexa unha realidade e se poñan a funcionar con todo o que hai de vantaxes claras”.
O rexedor aplicou que “estivemos falando de qué poden solicitar os comercios ben por agrupación ou por separado, como unha serie de cursos de formación á hora de montar ou modificar un comercio. Vantaxes que ao mellor se descoñecen, pero a través desta nova fórmula eu penso que vai ser bo para todos eles e dese xeito para todos nós”.
Alfredo Llano engadiu que “o único que vai facer o Concello é estar un pouco atento para ver en qué podemos servir e favorecer máis para que isto sexa unha realidade, e o comercio de Burela resulte moi beneficiado”.
O presidente de Acia Burela, Rubén Pinín, cualificou de moi positiva a visita cursada por Sol Vázquez á localidade esta mañá: “foi unha primeira toma de contacto na que nos amosou todo o seu apoio para todo o precisemos desde Burela. Foi un encontro amistoso e moi positivo no que falamos de cuestións de interese para os nosos asociados, como poden ser as liñas de axudas ás que poden acceder e que ás veces por descoñecemento non solicitan e outras iniciativas que se levan a cabo desde a Dirección Xeral de Comercio”.
Acia Burela está a ultimar a tramitación pertinente para converterse en Centro Comercial Aberto nas vindeiras semanas. Pinín engadiu que “ademais de reunirnos tamén co alcalde a directora xeral visitou o núcleo comercial da nosa vila”.
Cursos de formación
Respecto ás críticas do BNG por un curso de formación que non se impartiu en Burela, Alfredo Llano declarou: “me parece moi ben que o BNG teña unha preocupación da razón pola que non se levan adiante os cursos de formación que temos solicitados desde o Concello. Nosoutros tamén estamos preocupados de non poder levar adiante aqueles cursos solicitados con tempo e forma”.
O alcalde de Burela dixo que “algún deles é moi difícil polas razóns que sexan pero este concretamente que se denomina xestión integrada de recursos humanos, non se puido levar adiante pola falla de alumnado. Necesitamos un mínimo de 15 persoas, que dependendo dos cursos poden ser 10 ou 12, e resulta que unha vez feitos os trámites non hai alumnos suficientes para este curso”.
Alfredo Llano pensa que “a Xunta debera axilizar ao máximo os trámites se van aprobar os cursos e favorecer que sexan o antes posible para poder comezar en febreiro ou marzo porque é posible que houbera máis demanda dos traballadores que están no paro. Agora a xente que ao mellor quixera facer este curso ten oportunidades de traballo e igual se atopan traballando durante o verán”.
O alcalde burelés insistiu en que “a única razón pola cal non se pode levar adiante este curso é pola falla de alumnado. Evidentemente se non hai alumnos non se pode dar o curso”.