Ribadeo, 11 de agosto de 2016. Os xardíns do hotel O Cabazo, de Ribadeo, acolleron este xoves a presentación da guía turística en inglés The North of Lugo. Trátase dun proxecto da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia para dar a coñecer en 14 países europeos os atractivos turísticos do norte lugués. A guía foi elaborada por Faro Norte Comunicación e na mesma colaboran trece concellos do norte de Lugo, a Deputación Provincial e medio cento de empresas.
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, fixo un repaso polos proxectos europeos de formación nos que está a participar esta asociación e que os levarán a viaxar a 14 países ao longo do vindeiro curso 2016-2017. Tamén en Ribadeo recibirán a visita de directores e docentes de varios centros de ensino europeos. Cando Apaga acode a eses proxectos formativos visitan institutos, empresas, Concellos ou mesmo Cámaras de Comercio. Será a todos eses lugares aos que chegue a guía The North of Lugo.
Na súa intervención Doural indicou que “esta guía é unha colaboración modesta pola nosa parte para axudar ao desenvolvemento da comarca, e para levar un documento no que se poida ver cómo é a nosa zona, cómo son os nosos concellos e qué potenciais teñen, que son moitos. A intención é levala por Europa adiante a partires do vindeiro mes de marzo, que será a primeira saída formativa do vindeiro curso”.
O presidente de Apaga agarda que “isto sexa o comezo dunha estreita relación cos Concellos, nós estamos abertos a calquera tipo de colaboración. E cando veñan grupos de profesores gustaríame contar con vós para que poidan ver todo tipo de institucións e as cousas que nós estamos facendo. Aquí estanse facendo moitas cousas e moitas cousas ben”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, felicitou a Apaga por esta iniciativa: “eu quero felicitarvos porque nos parece que calquera idea que sexa promover e dar a coñecer o noso territorio, neste caso A Mariña, é importante e creo que debemos apoialas entre todos desde a iniciativa pública, as administracións e todo o mundo en xeral. Pola nosa parte desde a Deputación non podía ser doutra forma, non podíamos deixar de colaborar cunha guía en inglés na que participan practicamente todos os concellos de A Mariña, na que hai inscritos corenta e sete establecementos, que se vai dar a coñecer noutros países a través destes mestres e destes rapaces que van ir estudar e facer prácticas a catorce países da Comunidad Económica Europea”.
Para o presidente da institución provincial “o importante de todo isto é divulgar a nosa zona, os puntos de interese turístico, a gastronomía, os hoteis e os restaurantes que hai por aquí, porque sería unha forma de dinamizar un pouco a comarca”. E tivo palabras de agradecemento para “o esforzo realizado tanto por Apaga como por Faro Norte para a elaboración desta guía en inglés, que creo que é importante e que sexa unha idea que non quede aquí e máis adiante poidamos seguir con outras colaboracións entre Concellos, asociacións e a Deputación para poñer en valor e dar a coñecer o noso territorio, que é A Mariña, que é o norte de Lugo que eu creo que ten moito que dicir”.
E Carmen Cruzado, directora de Faro Norte Comunicación, contou que “cando Álvaro Doural e a súa asociación (Apaga) se puxeron en contacto con nós, con Faro Norte Comunicación, para levar adiante este proxecto, pareceunos moi interesante dar a coñecer todos os atractivos que ten o norte lugués polo mundo, polos 14 países aos que viaxan estes profesores e profesoras a través dos proxectos educativos nos que participan. Entón puxémonos mans á obra e o resultado final é este que hoxe vos presentamos.”
Cruzado sinalou que “esta zona, o norte de Lugo, recibe a milleiros de turistas, sobre todo durante o verán, e a porcentaxe de cidadáns estranxeiros vai en aumento ano a ano. Apaga, a través deste proxecto de internacionalización, pretende poñer o seu gran de area para que isto vaia a máis, aínda que sexa pouco a pouco, e para que toda esta zona sexa máis coñecida. Queremos agradecer a confianza depositada en Faro Norte Comunicación por Apaga, e o apoio da Deputación de Lugo, dos Concellos e das empresas, que coa súa participación fixeron posible que esta guía sexa hoxe unha realidade”.
A directora de Faro Norte Comunicación engadiu que “da edición encargouse Faro Norte Comunicación, da tradución ao inglés Carmen Méndez, do deseño Justo García e as fotos foron realizadas e cedidas polos Concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Mondoñedo, Ourol, A Pastoriza, Riotorto, O Valadouro, O Vicedo e Xove, polo fotógrafo José Mª Álvez, por Álvaro Doural e por Faro Norte Comunicación”. A primeira tirada da guía The North of Lugo foi de 2.000 exemplares.
Ao acto celebrado no Cabazo asistiron os alcaldes de Barreiros, Burela e Ourol, a alcaldesa en funcións de Ribadeo, os concelleiros e concelleiras de Turismo de Alfoz, Cervo e Foz, a edil de Xuventude de Foz, o técnico de Turismo de O Vicedo, así como representantes das empresas colaboradoras e da asociación Apaga.


















Destacou o labor da asociación xuvenil A Rumboia, que en poucas edicións converteu o evento nun referente cultural da Terra Chá e nun motor para o turismo e a economía local. O cartel inclúe Caamaño & Ameixeiras, Ulex, La Txama, Boyanka Kostova, Bea Fernandes e Lucasiito B2B Somiiux. Haberá tamén actividades para todas as idades —xogos, obradoiros, contacontos e artesanía— no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
O Parque María Cristina da Caridá volverá encherse de oficios, sabores, música e tradición os próximos días 4 e 5 de xullo
Son 15 os postos instalados nos que os asistentes poderán atopar complementos de moda e téxtis, marroquinaría, xoiaría, teas, sombreirería, bixutaría, xoguetes ou esmaltes. Esta feira está percorrer diversas localidades e cidades galegas para dar a coñecer o traballo dos artesáns galegos. Polo recinto pasaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz.
Desde o pasado martes desenvolvéronse distintas competicións deportivas, entre elas os tradicionais torneos 3x3 de fútbol e baloncesto e un campionato de xadrez, nos que participaron preto de 300 mozos e mozas. Villares sinalou que esta convocatoria “é xa un clásico na vila e axuda a proxectar a oferta do Espazo Xove, un punto de encontro para a mocidade que ao longo de todo o ano ofrece distintas propostas de lecer, formación e participación adaptadas aos seus intereses”.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
O delegado gabou o traballo realizado polo Motoclub A Cadeira para dar continuidade a esta proposta logo do éxito do pasado ano, “deixando claro desde a primeira convocatoria o seu poder de atracción e o importante papel de dinamización económica e social que xogan iniciativas deportivas e lúdicas como esta”. Na programación destacan a subida nocturna hoxe ao monolito da Cadeir a, os simuladores de pilotaxe de moto GP e a exhibición de Stunt3Show mañá, ou unha ruta turística o domingo. Ademais, haberá sesións vermú, música en directo, sorteos de premios, acampada gratuíta -cuberta e exterior- e food trucks, entre outras actividades.
A edición deste ano incorpora un novo formato organizativo: as sesións vermú ampliaranse a tres horas na Praza da Constitución e todas as verbenas trasladaranse ao Campo da Feira para mellorar a loxística e facilitar a montaxe dos espectáculos, especialmente nun ano con formacións de gran formato. O programa musical combina orquestras, grupos e DJs para públicos de todas as idades, con citas destacadas como Panorama City, Paris de Noia, Los Satélites, Costa Dorada ou a xira campestre con diferentes propostas ao longo de varios días. Desde o Concello subliñan que as festas son un espazo de encontro para a veciñanza e para quen regresa a Vilalba nestas datas, e que o obxectivo é ofrecer unha programación equilibrada e pensada para que cada persoa atope o seu lugar nunhas patronais que forman parte esencial da identidade da vila.



