Cervo, 12 de setembro de 2016. O concelleiro e representantes do BNG local acompañaron a un grupo de veciñas e veciños residentes na zona do porto en San Cibrao para presentar no rexistro municipal sinaturas reclamando a substitución de tubaxes vellas por novas para rematar cos constantes cortes de auga que sofre a veciñanza desta zona. Trasladarán ao pleno municipal esta reclamación que consideran urxente xa que os problemas causados polos constantes cortes non só dificultan a vida diaria, senón que causan avarias en electrodomésticos e impiden o funcionamento de quencedores de auga pola baixa presión de subministro, e desfán o viario público.
O barrio do porto de arriba en San Cibrao mantén tubaxes de abastecemento de auga moi deteriorados e vellos que provocan constantes roturas ao non soportar a presión existente. O goberno municipal no canto de substituír esas tubaxes vellas por novas limítase a baixar a presión para tentar evitar roturas que aínda así son periódicas, impedindo pola baixa presión o funcionamento normal de quencedores de auga.
A roturas son constantes derivando en obras que obrigan a cortar o subministro e deterioran polo arrastre de lodos electrodomésticos nas vivendas, e o deterioro do viario público polas obras de reparación.
Un grupo de veciños e veciñas fartas da situación decidiron iniciar unha recollida de sinaturas para reclamar solucións definitivas, dáse a circunstancia de que o concelleiro do Partido Popular e membro do goberno, José Manuel Balseiro, vive nesta zona pero tampouco fai nada para resolver definitivamente o problema.
O BNG apoiou esta recollida e trasladará ao pleno municipal avalado por sinaturas veciñais, a petición de solucións definitivas a este problema substituíndo as tubaxes de abastecemento vellas e deterioradas por unhas novas que acaben dunha vez coa falta de calidade no abastecmento de auga ao barrio do porto en San Cibrao.