O salón de actos da Deputación Provincial de Lugo acolleu este xoves a presentación das XIV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, na que participaron o presidente e o vicepresidente do ente provincial, Darío Campos Conde e Álvaro Santos Ramos; a presidenta de Seragro S. Coop. Galega, Noelia García Santoalla, e un dos coordinadores do programa deste ano, Francisco Sesto Pérez.
Noelia García Santoalla deulle comezo ao acto destacando os avances técnicos, as melloras en benestar animal e a eficiencia das granxas galegas, adiantos que, declarou, “non sempre viñeron acompañados de avances na xestión empresarial”, polo que esta nova edición das Xornadas está encamiñada a potenciar este aspecto tan importante nun sector que continúa en crise debido ao mantemento dos baixos prezos do leite.
Na súa intervención, Francisco Sesto insistiu no enfoque práctico deste foro dirixido esencialmente aos gandeiros. Os temas a tratar tentarán darlles resposta, nas súas palabras “aos problemas que poida haber nas ganderías actualmente”. Para iso, pola Facultade de Veterinaria pasarán profesionais de recoñecido prestixio tanto galegos coma nacionais e do estranxeiro.
Neste sentido, un dos bloques principais vai ser o de xestión técnico-económica das explotacións, que ocupará toda a tarde da sesión inicial. A primeira conferencia estará impartida polo técnico de Seragro Gonzalo Gómez Grobas, que achegará os datos técnico-económicos globais das explotacións galegas. Seguirao no estrado Stéphane Saille, outro técnico de xestión que desempeña a súa actividade nunha empresa da Bretaña francesa. Para poñer o contrapunto participará o economista Antonio Pallarés, quen, á parte do seu traballo como profesor universitario, asesora unha das granxas máis importantes de España. Despois de expoñer os seus respectivos coñecementos e puntos de vista, os tres formarán parte dunha mesa redonda sobre o tema.
Unha das intervencións máis esperadas vai ser a do doutor veterinario Robert Corbett, asesor de granxas nos EE. UU. e referente a nivel mundial. Cobett falará de dous temas que contribúen en gran medida á rendibilidade das explotacións. A primeira charla tratará sobre como facer unha recría eficiente desde o nacemento da xata ata o parto e, a segunda, sobre como abordar o período transición desde o punto de vista da nutrición e do manexo da alimentación.
En materia agrícola, a invitada deste ano é a técnica do Serida Adela Martínez-Fernández, que ofrecerá unha conferencia sobre leguminosas forraxeiras en monocultivo como alternativa ao raigrás como forraxe de inverno para rotar co millo; unha opción a ter en conta debido ás novas esixencias da PAC de destinar un mínimo dun 5 % da superficie ao cultivo de leguminosas ou deixala a barbeito.
O xoves tamén está programado un relatorio sobre podoloxía que desenvolverá o técnico de Seragro Pedro Codesido e na que se poñerá de manifesto a importancia dos datos para buscar as múltiples razóns das patoloxías podais e obter con éxito as correspondentes solucións.
Os gandeiros, protagonistas o venres
A xefa da Área de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural, Marta Muñoz Mendoza, abrirá a mañá esclarecendo a actualidade da tuberculose bovina en Galicia e os retos inmediatos que se formulan para a súa completa erradicación.
Un ano máis, o gandeiros volverán ter protagonismo directo na programación das Xornadas expoñendo as súas realidades.
Por unha banda, Manuel Candamio compartirá co auditorio o cambio de filosofía adoptado na súa granxa nos últimos anos consecuencia do cal conseguiron melloras que desembocaron nun aumento da produtividade.
Por outra, o seu homónimo Manuel Arias, en colaboración con Francisco Sesto, desenvolverá unha charla centrada no uso do cronómetro como instrumento indispensable para manter unha rutina e unha estabilidade na sala de muxido co obxectivo de minimizar a porcentaxe de mamites.
A tarde do venres estará reservada ao debate. A novidade deste ano é que a mesa redonda estará integrada unicamente por gandeiros que transmitirán a súa visión do sector desde dentro, dando conta da problemática en primeira persoa. Participarán Manuel Iglesias (OPL), Román Santalla (UPA), Roberto López (Agromuralla) e José Ángel Purriños (Cooperativa Os Irmandiños). En palabras de Francisco Sesto, trátase de “que o propio sector fale do sector diante do sector”.
Para o remate do encontro deste ano está prevista a presentación dunha campaña de promoción do leite como alimento por parte da directora-xerente da Inlac, Águeda García-Agulló.
A presentación das Xornadas –que se celebrarán os días 10 e 11 de novembro– quedou clausurada coa intervención do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, que subliñou que a institución que preside renova ano a ano o seu apoio ás Xornadas: “Estamos cen por cen comprometidos coa actividade agrogandeira e co rural lucense. Consideramos que é preciso poñer en valor a potencialidade que o campo e o gando aínda teñen e, para iso, resultan fundamentais este tipo de encontros nos que se poñerán sobre a mesa cuestións de máximo interese e proveito para todos”.
Así mesmo, o titular provincial indicou que agarda que “este encontro técnico resulte un impulso máis para mellorar a situación dos produtores lácteos de Galicia e de Lugo e que sirva para reivindicar o traballo e o esforzo diario dos nosos gandeiros”.





















De 12:30 14:00 horas no CEIP Juan Rey farán actividades e demostracións. E de 18:00 a 21:00 horas na Praza do Concello haberá unha exposición estática e mini relevos. O Concello de Lourenzá destaca que é “unha oportunidade única para coñecer de preto o labor da Garda Real. Animámosvos a participar!”.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
“A nosa provincia será un dos mellores lugares do mundo para ver este fenómeno e estamos a traballar para estar á altura”, valorou a mandataria provincial.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.
Será o sábado 9 de maio ás 20 horas na Casa da Cultura. Homenaxeado: Xesús do Breogán, pola súa contribución á cultura e ao concello. Organiza: Son’s Varadero Foz. Colabora: Concello de Foz
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.



