Mondoñedo, 18 de novembro de 2016.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo vén de comunicarlles aos Concellos veciños de Lourenzá, Alfoz e Riotorto o seu ofrecemento para que conten cos servizos da Escola Municipal de Música ‘O Pallarego’. En concreto, o proxecto pretende a comarcalización da Escola de Música destinado aos escolares das catro localidades: Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz e Riotorto.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, e o concelleiro de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías, Alberto García, explican que se inicia así unha campaña de captación de alumnos e alumnas e que o mellor xeito de facelo é “mediante a exhibición in situ das actividades docentes musicais”. Engaden que se trata dun servizo que custa “moito esforzo manter”, polo que o Goberno local se ve obrigado a reinventarse para poder mantelo e ofrecer as mellores ensinanzas.
Candia e García agradecen de antemán a colaboración das familias dos centros educativos dos concellos aos que se destina esta iniciativa educativa e cultural.
Un concerto didáctico e un taller de instrumentos
Deste xeito, proximamente levarase a cabo a primeira toma de contacto mediante un concerto didáctico a realizar no centro de primaria de cada unha das localidades.
Este concerto realizarase dentro da xornada escolar lectiva, para o que previamente se lle mandará información ao centro para que a través dos alumnos e alumnas lle chegue tamén a información ás súa familias.
A segunda das accións previstas pola Escola Municipal de Música de Mondoñedo consiste no ofrecemento dun taller musical no que os rapaces e rapazas interesados se inscribirán para familiarizarse cos instrumentos e ensinanzas que oferta a Escola Municipal de Música e que poida practicar con eles. Ambas as actividades levaranse a cabo coa colaboración dos mestres das Escola Municipal de Música en colaboración cun grupo de alumnos e alumnas.