Nota de Prensa
Manifesto ao que se lle deu lectura hoxe na ponte do Barqueiro elaborado polas Asembleas Comarcais de Ferrolterra e A Mariña. A leitura do manifesto foi a cargo do Alcalde de San Sadurniño. No acto estiveron presentes representantes orgánicos e Institucionais do BNG das dúas comarcas, ademais do portavoz Nacional, Guillerme Vázquez, Os Parlamentares, Fernando Blanco Álvarez, Ana Luísa Bouza e o Deputado no Congreso, Francisco Jorquera.
EN DEFENSA DAS INFRAESTRUTURAS DE COMUNICACIÓN PARA FERROLTERRA, ORTEGAL E A MARIÑA LUGUESA.
POLO EMPREGO, POLO FUTURO
Aló polo ano 2000, representantes de 25 concellos das comarcas da Mariña de
Lugo, Ortegal, Eume e Ferrolterra, conxuntamente coas organizacións
políticas, sindicais, empresariais e sociais; aprobaban a denominada
“Declaración de Ferrol” na que se demandaba unha traza costeira para a
denominada “Transcantábrica” e poñían en marcha un amplo e importante
proceso de mobilización social que se materializa, finalmente, na apertura
dunha mesa de negociación das infraestruturas coa Xunta – daquela
gobernada polo PP – que por primeira vez recoñecía, cando menos no plano
teórico, o importante déficit na rede de comunicacións das devanditas
comarcas.
No transfundo da situación non só estaba en evidencia o illamento destas
comarcas no aspecto das infraestruturas de comunicación internas e co resto
de Galiza e do Estado; senón tamén a consideración de que estabamos a falar
dun illamento tamén no social e económico dunha das áreas máis importantes
do ponto de vista socio-económico na que se asentan importantes enclaves
industriais ( Endesa-As Pontes, Navantia, Megasa, Porto Exterior de Ferrol,
Inespal-Alcoa, ABSA, Porto de Celeiro….) unida a outras importantes
actividades como a pesca, explotación forestal, etc…..
Neste contexto de reivindicación e mobilización social – no que o BNG tivo un
papel determinante, quer no ámbito institucional, quer no social – é cando o 29
de Setembro de 2000 o Consello da Xunta informa da decisión das
administracións central e galega de optar por levar a Transcantábrica ata
Vilalba, xustificando daquela que co aforro de 50.000 millóns das antigas
pesetas contaríase con recursos para o denominado corredor litoral e para o
ramal da autovía desde Vilalba a Cabreiros.
Máis tarde, concretamente o 6 de Abril de 2001, a Xunta de Galiza aprobaba o
“Plan de Infraestruturas Viarias das comarcas de Ferrolterra, Eume,Ortegal e
Mariña luguesa” no que figura a denominada “vía de alta capacidade do litoral”,
cun compromiso de investimento de 7.382 millóns das antigas pesetas no
horizonte do ano 2005. Sen embargo, para aquela data a Xunta – cunha
complicidade por activa e por pasiva dalgúns dos seus representantes
municipais – o único que tiña feito eran os proxectos construtivos dos tres
primeiros tramos do conxunto da obra.
Esta falla de vontade política por abordar esta necesaria infraestrutura quedaba
novamente en evidencia novamente no ano 2003, no que se publicaba un
estudo informativo no que non se contemplaba ningún viario que se puidese
cualificar de “alta velocidade”. E tiña que ser novamente o BNG o que
denunciase este fraude; reivindicando un corredor que, no seu momento,
puidese tranformarse en autovía da costa.
Aínda a comezos do 2004 o daquela Conselleiro de Política Territorial e hoxe
presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, negaba perante representantes de
varias organizacións políticas, sociais e sindicais a necesidade do corredor
litoral, defendendo mesmo como alternativa o arranxo da actual estrada…..Tiña
que ser de novo a contestación social e institucional, impulsada desde o BNG e
seguida posteriormente polo resto das forzas das comarcas afectadas, a que
arrincara da Xunta o compromiso de executar o proxecto de corredor do que se
está a falar desde aquela.
Neste contexto non deixa de ser sorprendente que, após uns meses da
constitución do goberno galego formado polo BNG e PSOE, aparecese unha
inusitada campaña de “mobilización” do PP denunciando o retraso na
execución das obras e esixindo resultados dun goberno que, curiosamente, o
que recollía era precisamente o legado dun proxecto que non pasaba dos
primeiros trámites administrativos. E tampouco aí o BNG estivo quedo nen
calado, demandando desde dentro do goberno as accións para a aceleración
dos traballos técnicos e expropiacións; así como a consignación das partidas
orzamentarias que permitisen recuperar, cando menos en parte, a parálise e
abandono do proxecto mostrados polo anterior goberno do PP.
Hai que lembrar, a respecto as características deste proxecto que a
denominada “Via de Alta Capacidade do Litoral ( Tramo S. Cibrao-Ferrol)”
a executar pola Xunta de Galiza, coa forma de corredor, corresponde ao tramo
que discorre polas comarcas de Ferrolterra, Ortegal e Mariña luguesa e
figuraba nas previsións aprobadas no seu momento cun prazo de execución
entre os anos 2001-2007. Pois ben, segundo as informacións oficiais en sede
parlamentar, a Xunta vén de recoñecer un novo retraso na obra que situaría o
remate teórico da mesma no ano 2017. Ou sexa, cun retraso de nada máis e
nada menos que dez anos con respecto aos compromisos adquiridos no seu
momento.
E dicimos remate teórico da obra, xa que tampouco os compromisos que
figuran nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano que agora están en
debate no Parlamento Galego figura o groso do investimento nos diversos
tramos para as anualidades 2013 e seguintes. Mesmo para a anualidade do
2010 o actual goberno fai unha previsión que rebaixa en 16 millóns de euros as
previsións de investimento que o anterior goberno tiña feito para a mesma
anualidade.
Tocante ao tramo da “Via de Alta Capacidade do Litoral ( tramo Barreiros-S
Cibrao)” a executar polo Ministerio de Fomento coa forma de autovía,
contempla un tramo de 30 km. que percorre os concellos de Barreiros, Foz,
Burela e Cervo a executar tamén no período 2001-2007. A esta altura e, a
pesar dos sucesivos acordos parlamentares que falaban do remate das obras
no 2008, a administración do Estado só ten executado un estudo informativo do
trazado xa sometido ao trámite de exposición pública. Non deixa de ser
curioso que nos Orzamentos Xerais do Estado só figuren partidas de carácter
testemuñal para esta actuación desde o ano 2004, que incluso non foron
executadas na súa totalidade nas correspondentes anualidades orzamentarias.
Falabamos ao comezo da importancia socio-económica desta área e da
importancia de contar con infraestruturas en condicións como premisa
fundamental para fomentar o desenvolvemento económico. Non foi casual que
o lema que presidise a xeira de mobilizacións a comezos desta década fose
precisamente o de “INFRAESTRUTURAS E EMPREGO PARA O NOSO
FUTURO” , e nesa mesma convicción acreditamos que os reiterados retrasos
na execución deste proxecto non só supoñen un fraude ao conxunto da
cidadanía das nosas comarcas, senón que tamén ameazan – nuns momentos
de crise económica evidente – o desenvolvemento dos sectores económicos
aos que fixemos referencia e que supoñen a base dun tecido produtivo que
temos que defender en clave de presente e, sobor de todo, de futuro.
Xustamente por iso, queremos hoxe e aquí renovar a nosa vontade colectiva
nas demandas históricas das comarcas de A Mariña luguesa, Ortegal e
Ferrolterra, reivindicando:
1.- A exixencia de que o Ministerio de Fomento proceda a dotar de
consignacion orzamentaria suficiente e á axilización dos prazos
correspondentes para a execución do tramo Barreiros-S. Cibrao da
denominada “Via de Alta Capacidade Barreiros-Ferrol” que é da súa
competencia.
2.- A firme demanda á Xunta de Galiza para que esta acorde un
cronograma con prazos e consignacións orzamentarias suficientes que
permitan rematar a Vía de Alta Capacidade Barreiros-Ferrol no horizonte
de 2013; introducindo as correccións que procedan nos Orzamentos para
o 2010 que posibiliten o cumprimento destas previsións.
3.- A nosa firme decisión de promover – sexa desde o ámbito institucional
como desde a mobilización social – o maior consenso posíbel entre as
institucións locais, forzas políticas e sindicais e entidades sociais do
ámbito das comarcas afectadas; co obxecto de conseguir das
administracións responsábeis compromisos económicos e prazos
concretos para concretar as infraestruturas de comunicacións pendentes.




















A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



