Burela, 1 de febreiro de 2017. O Concello organiza unha charla informativa sobre as cláusulas solo que terá lugar o 22 de febreiro no salón de conferencias (antiga biblioteca), segundo anunciou hoxe o alcalde, Alfredo Llano. Será pronunciada por Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia.
O rexedor contou que “desde o Concello de Burela queremos tamén aportar e colaborar na información do que está saíndo estes días sobre as cláusulas solo, que estiveron aplicándose nos préstamos cando se compraron algunhas das vivendas que a xente ten. E desde o Concello, a través da Oficina de Información ao Consumidor, imos organizar unha charla para o día 22 de febreiro no salón de conferencias, vai ser ás sete ou ás oito (xa o anunciaremos con tempo suficiente), para que a xente poida acudir e facer as preguntas que poden resultar aclaratorias da problemática que pode ter cada un de nós con respecto a esta cláusula”.
Alfredo Llano quere “invitar a todo o mundo, ás asociacións e á veciñanza en xeral, para que poidan acudir ese día. Virá unha persoa desde Santiago que xa está dando algunha outra en diferentes puntos de Galicia e tamén na provincia de Lugo, así que aproveitaremos a súa experiencia para facela aquí en Burela. Estoume a referir a Miguel López Crespo, que é o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia”.