Ribadeo 16-3-17. Nos derradeiros días temos asistido a unha avalancha de publicidade en tódolos medios, destinada a insistir na inminencia dun hotel que leva sendo inminente dende hai dous anos. Esta morea de vídeos, artigos, especiais adicados á reconversión hoteleira dos faros españois e a asocialos á idea de progreso e confort, intervén no momento no que as obras do faro da Illa Pancha avanzan e vaise esgotando o último prazo que restaría dignidade e credibilidade ministerial a un proxecto que apostou forte coa imaxe da nosa illa e o seu faro-hotel. A publicidade ‘oráculo’ á que nos ten afeitos o programa ‘Faros de España’, como se un plan fora un feito consumado, tense visto incrementada dende que o Defensor del Pueblo deslexitimou de xeito público o proxecto de hotel no faro de Ribadeo, ó poñer ó descuberto todas as fallas do expediente. Certo que, aínda co peso desta institución e co valor incuestionable do primeiro estudo minucioso que ten sido divulgado sobre o tema, outras institucións parecen obviar -polo momento- esta realidade, e multiplican a publicidade co fin de afogar o impacto do Defensor en calquera que teña unha conciencia sobre o que debe ser un curso legal.
En ‘Por nuestro faro’ temos insistido dende o comezo en todas estas cuestións que desbaratan un proxecto destinado a pasar deslizándose diante dos nosos ollos, facendo o mínimo ruído, e creando unha mínima resposta social. O defensor deunos a razón, e así o ten feito saber. Debera de abondar. Por iso quizáis debera estrañarnos -pero non nos estraña- que certas institucións decidan parapetarse nos seus propios intereses obviando as recomendacións baseadas en feitos reais e legais, pero todo é posible: conseguíronse sortear as carencias do expediente en cada paso do camiño, xugouse á información enganosa, e á desinformación de masas, dende o Ministerio co seu programa de reconversión hoteleira, ou Puertos co seu contrato de concesión, ata o concello de Ribadeo coa súa licenza a cegas.
Somos conscientes de ter razón, e de contar co aval dunha institución independente, e iso non fai máis que reforzar a nosa determinación. Non obstante, todo o ruído xerado arredor destas cuestións estanos afastando da ofensa orixinal que supón instalar un hotel para uso privado nun enclave público, nun edificio emblemático, noso templo, e no noso propio xardín
A idea de luxo, de instante privilexiado, que non para de difundirse nestes últimos días, vai asociada á idea de exclusivo e de privado, de pagar polo que é noso ou, en caso contrario, de cerrarnos o paso. A idea que nos facemos do faro e da illa Pancha vai e irá sempre asociada á idea do público, non podemos pagar por entrar na nosa propiedade, nin nos poden impedir o acceso. Non se pode profanar un símbolo e convertilo nun emblema mercenario de cinco estrelas, non se pode. Nin un particular nin unha institución, erixirse en xestora dun ben patrimonial e natural e poñerlle prezo a un valor incalculable. É un sinsentido, e convén lembrar as bases deste principio tan evidente, por se algunha institución vinculada de xeito sentimental a Ribadeo decidira defender o dereito de todos os ribadenses, o dereito ó público. ‘Por nuestro faro’ vai seguir facéndoo.
Covadonga Suárez, do colectivo ‘Por nuestro faro’





















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



