San Cibrao, 29 de Maio de 2017 – No pavillón municipal da Veiga de San Cibrao celebrouse o campionato de Nihon TaiJitsu pertencente á Real Federación Galega de Kárate. A cita acolleu a practicantes de toda Galicia que buscaban a gloria do título de campión autonómico, ademais do pase para o campionato de España que se celebrará en Madrid no mes de Xullo. Cabe destacar o papel dos mariñáns presentes no torneo, xa que as oito categorías estiveron copadas polos alumnos da Asociación de Artes Marciais Orientais da Mariña. Nas categorías de adultos foron os viveirenses Abraham Rivera, Joel Romero, o burelés Manu García e o cervense Marcos González os que gañaron o campionato e o subcampionato nas modalidades de Kata e de Defensa Persoal, namentres que nas categorías infantís onde só se celebra a modalidade de Kata subiron ao máis alto do caixón as cervenses Ruth Carpintero e Sofía Rojo, e as burelás Alba Geada e Carla Rodríguez. Sinalar tamén, que o futuro deste Arte Marcial está asegurado ca presenza de pícaros que dende os seis anos ata os catorce gozaron en todo momento do ambiente que este tipo de eventos xera ao seu carón, mesturando aos nenos cos adultos baixo o halo da maxia que lles produce as Artes Marciais. Dende a Federación Galega de Kárate agradeceron aos pais, adestradores, practicantes, árbitros e ao Concello de Cervo a dedicación e as gañas para poder celebrar este Campionato de Galicia.
