Mondoñedo 23 de setembro 2017: O escritor e xornalista Miguel-Anxo Murado será o pregoeiro das Feiras e Festas da San Lucas 2017, segundo anunciou hoxe o presidente da asociación organizadora, Miguel Souto, quen puxo de manifesto “o orgullo que supón para nós que Miguel-Anxo Murado, unha persoa ligada dende a súa infancia a nosa cidade, aceptase o noso convite para pronunciar este ano o pregón das feiras máis antigas de Galicia”.
Miguel-Anxo Murado (Lugo, 1965) é autor dunha obra que inclúe novelas, libros de relatos, poesía, teatro e ensaio. Entre os seus libros de ficción destacan Ruído ou O Soño da Febre, e entre os seus ensaios o volume Outra Idea de Galicia, unha reflexión sobre o país. Antigo correspondente do diario El Mundo en Oriente Medio, na actualidade é columnista e comentarista de política internacional en La Voz de Galicia e na prensa británica e norteamericana.
Vinculado a Mondoñedo a través da súa avoa materna, Murado ten escrito en numerosas ocasións sobre a súa fascinación pola cidade e a obra do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro, ao que dedicou unha serie de televisión (Cunqueiro, os anos do fabulador) e un documental (O incerto señor Cunqueiro). O seu traballo mereceu, entre outros, o Premio da Crítica, o Premio dos Editores Galegos, o Premio Frei Martín Sarmiento, o Losada Diéguez, e máis recentemente, polo seu labor como columnista, o Fernández Latorre e o Premio Julio Camba.
Amais, Miguel Souto tamén destaca do escritor e xornalista “o amor que as súas palabras desprenden pola nosa cidade”. Souto lembra que o propio Murado “asegura sentir un amor por Mondoñedo que lle vén dende a infancia cando de pequeno os seus pais o traian ás San Lucas”, ata o punto de que as definiu “como a apoteose lírica do cabalo galego e considera a chegada das greas á cidade como un espectáculo grandioso”. Así, dende a Asociación As San Lucas queren agradecer “este sentimento que o escritor ten por Mondoñedo” e considérano “como un dos mellores pregoeiros que lle pode facer chegar á xente o que implican as nosas feiras”.
A lectura do pregón terá lugar o martes 17 de outubro, día das vésperas, ás 20:45 horas, no auditorio Pascual Veiga. Previamente, ás 20:30 horas, celebrarase a ofrenda floral ante a tumba do Mariscal Pardo de Cela na Catedral, durante a que o grupo de gaitas Arco da Vella interpretará o himno do Antigo Reino de Galicia. A continuación, a comitiva e as carrozas das San Luqueiras, acompañados polos xigantes e cabezudos e o grupo de gaitas, desprazaranse cara o auditorio, onde trala celebración do pregón será a actuación do Coro Mestre Pacheco da Escola Municipal de Música O Pallarego de Mondoñedo.
As San Lucas, entre o 17 e o 22 de outubro
As San Lucas celebraranse na cidade entre o 17 e o 22 de outubro, ao redor dun amplo abano de actividades, que darán comezo o martes 17 de outubro, coñecido como día das vésperas, coa celebración da tradicional baixa de cabalos e co pregón. A programación finalizará o domingo 22 de outubro cos actos dos centenarios de homenaxe a Pascual Veiga e da constitución de Irmandades da Fala. Ademais, tamén se fará a entrega do Premio Mondoñedo 10 e xa, o domingo pola tarde, ás 17:00 horas, será o Encontro Folclórico na Praza da Catedral, que este ano conta coa participación dos catro coros históricos galegos: Cántigas da Terra da Coruña, De Ruada de Ourense, Cantigas e Agarimos de Santiago e Toxos e Froles de Ferrol. Ás 19:30 horas, haberá teatro no auditorio, coa obra Un Caso Compricado de Leandro Carré Alvarellos. E como todos os días, á noite celebrarase a verbena na Alameda.




















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



