O BNG PROPÓN A UTILIZACIÓN DE PARTE DO FONDOS FEESL PARA 2010 EN GASTO SOCIAL E OUTRA NA ELIMINACIÓN DE BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS EN RÍO COVO
O concello de Cervo ten asignados 510.660 euros dos que 102.139,80 deben estar dedicados a gasto corrente
Os nacionalistas pídenlle ao alcalde que actúe e se deixe de propaganda virtual
Cervo, 21 de xaneiro de 2010. O BNG propón a utilización de parte do investimento asignado ao concello polo Fondo de Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FEESL) en gasto social e outra parte na eliminación de barreiras arquitectónicas. O portavoz municipal do BNG, Xoán Estúa, reclamará ao goberno local a utilización dunha porcentaxe dos fondos FEESL na posta en marcha dun programa estábel de actividades nos 4 centros sociais existentes no concello e nos dous locais usados polos maiores de Cervo e San Cibrao, para o que propón a contratación de monitores ou monitoras que elaboren programas específicos para as persoas maiores e estimulen a súa actividade e relación social aproveitando os locais existentes, pesimamente aproveitados especialmente os de Castelo, Rúa Trasbar e San Román. Paralelamente os nacionalistas propoñen en materia de investimento actuacións tendentes a eliminar barreiras arquitectónicas na Urbanización Río Covo.
O concello de Cervo ten asignados de acordo co reparto en función de censo de habitantes 510.669 euros distribuídos en 408.559,20 para proxectos de investimento e 102.139,80 para gasto corrente, os proxectos deberán ser presentados coa data límite do 4 de febreiro.
Eliminación de barreiras arquitectónicas na Urbanización Río Covo.
O BNG formalizará dúas propostas de actuación, unha na que se inclúe un proxecto de investimento para eliminación de barreiras arquitectónicas na Urbanización Río Covo tendo en conta os múltiples obstáculos existentes nun espazo con numerosas pendentes e construído nunha época onde urbanísticamente non se tiñan en conta ningunha das medidas que hoxe existen para facer mais accesíbeis os espazos urbanos. O portavoz municipal nacionalista ademais lembrou que a colocación recente de alumeado público deixou practicamente intransitábeis as beirarúas de toda a urbanización, “converténdoa nunha carreira de obstáculos para calquera persoa que deba usar unha cadeira de rodas ou similar.”, polo que debe darse mais anchura á totalidade das beirarúas da urbanización. Do mesmo xeito, as partes traseiras da zona de vivendas individuais, están cheas de elementos a diferentes alturas que dificultan o acceso e converten nunha montaña rusa o acceso a moitas vivendas.
Para as persoas maiores un programa estábel de actividades
A segunda proposta nacionalista pasa por dar un impulso á atención ás persoas maiores, “non podemos agardar a ter un centro de día que de momento só e unha maqueta, moi cara iso si, pero só unha maqueta que non vai ser realidade a medio e longo prazo”, dixo Estúa. O portavoz municipal do BNG lembrou que no concello existen catro locais sociais de xestión municipal que en todo ano practicamente non teñen actividade e que poderían servir de base para organizar actividades tendentes a mellorar a actividade física e/ou social das persoas maiores do rural, facendo o mesmo nos dous locais prestados a asociacións de Cervo e San Cibrao. Os nacionalistas propoñen utilizar unha parte dos fondos FEESL, os dedicados a acción social, á contratación de persoal especializado na elaboración de programas específicos para as persoas maiores e a súa posta en práctica para evitar o seu sedentarismo e mellorar a súa calidade de vida.
O alcalde está mais ocupado en gastar en caros xoguetes virtuais que en ofrecer realidades á cidadanía
Os nacionalistas pregúntanse, en referencia á da maqueta da residencia anunciada, canto custou a maqueta que o alcalde e a Consellaría de Benestar van ter exposta durante longo tempo, o portavoz municipal Xoán Estúa, pregúntase si “coa maqueta da propaganda e o autobombo van facer como con outros anuncios pagados cos cartos de todos que foron colocados pola mañá e retirados pola noite ás agachadas”, insiste en que non ten prazos de execución, nin se coñece de onde vai saír o financiamento e bota en falta explicacións sobre o modelo de xestión e si esta vai ser pública ou privada.
Estúa aproveitou para lembrar que mentres o PP segue dedicado á propaganda e incumprindo compromisos electorais como o cinto industrial de Alcoa, o Plan de Choque contra o Desemprego, ou a construción de vivenda social; áreas de goberno nacionalista no anterior bipartito deixaron en Cervo, vivendas sociais executadas que aínda non foron entregadas, saneamento en Gondrás, ampliación do Polígono de Cuíña coa súa porcentaxe de equipamentos municipais e rede de internet sen fíos, ou o proxecto abastecemento de gas para San Cibrao que agora o actual goberno ten paralizado, así como o Plan de Infraestruturas Rurais rematado.



















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



