LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, mantiveron un encontro con Alcaldes da Mariña de todas as cores políticas para avanzar na certificación medioambiental das praias. Gómez Besteiro deu conta da avaliación que levou a cabo a Deputación durante a primeira fase deste proceso e anunciou que a Deputación farase cargo de todos os custes do proceso de implantación, uns 60.000 euros, nunha nova liña de cooperación cos Concellos. Tamén subliñou que “no verán, 21 praias da provincia disporán dun distintivo que garante areais de auténtica calidade medioambiental, e que convertirán á Mariña no referente do turismo de calidade no noroeste de España, competindo co Mediterráneo -a área que concentra maior número de praias cunha certificación tan rigorosa coma esta-”.
O titular da institución provincial destacou que con esta iniciativa a Deputación ten 3 obxectivos: “xestionar as praias como o verdadeiro servizo público que son; lograr unha tarxeta de presentación da provincia que marque diferenzas, xa que estamos empeñados en reivindicar que Lugo ten praia, e non estamos dispostos a que nos fagociten parte das Rías Baixas e Asturias; e facilitar o acceso a futuros fondos europeos”.
Baixo o premisa de que “o medio ambiente é a nosa oportunidade económica”, a Deputación está a traballar na implantación da certificación ISO 14.001, un distintivo que se rexe polo regulamento medioambiental máis estricto e prestixioso da Unión Europea: o EMAS. Na zona norte do país só A Coruña e Biscaia obtiveron esta certificación, mentres que no resto de España gozan del areais puntuais da costa Mediterránea.
Gómez Besteiro salientou que “a nosa costa competirá coa considerada a raíña do turismo xa que, co cumprimento das normas comunitarias, teremos praias limpas, dotadas de todos os servizos, onde calquera empresa que opere sobre ela –recollida de lixo, obras, etc- deberá superar os controis legais máis rigorosos, é dicir, cuestións que valora ese perfil de turista máis esixente. Deste xeito, non só conservamos a nosa costa, senón que transformamos as súas condicións naturais nunha oportunidade económica que ademais multiplica a calidade dos usuarios”.
O titular do organismo provincial explicou ós Alcaldes os resultados da diagnose da calidade das augas e dos areais de máis de 40 praias. A ISO 14.001 implantarase nos seguintes areais: Catedrais e Os Castros (Ribadeo); Areoura, Llás, Peizás, As Polas, A Rapadoira, Os Xuncos, Alemáns, Pampillosa, e Fondás (Foz); A Marosa, O Portelo, e Ril (Burela); Xilloi, Abrela, e Areagrande (O Vicedo); Covas, Area, Sacido, e Celeiro (Viveiro).
Próximos pasos
Durante o encontro, no que participaron os Alcaldes de Ribadeo, Fernando Suárez; Viveiro, Melchor Roel; O Vicedo, José Jesús Novo; e Burela, Alfredo Llano; así como a Concelleira de Medio Ambiente de Foz, Ana Aranzazu; quedaron definidas as próximas actuacións. A Vicepresidenta Segunda lamentou a falta de implicación dos concellos de Cervo, Xove e Barreiros, que rexeitaron a oferta da Deputación.
O Presidente da Deputación avanzou que a seguinte fase é a análise do sistema de xestión de residuos, requisitos legais e formación dos técnicos municipais. Tamén será nomeado un responsable ambiental que asuma a xerencia das praias da zona e coordine todas as actuacións. Besteiro explicou que, no prazo dun mes, terá lugar un segundo encontro para analizar novos resultados.
Pola súa banda, o Alcalde do Vicedo, José Jesús Novo, mostrouse “doblemente satisfeito” pola iniciativa da Deputación, e porque a primeira das reunións de análise de carácter rotatorio se producise no Concello que dirixe.
O mantemento da Bandeira Azul supón un custe para os Concellos de 1.800 euros, e a Q de calidade achégase ós 2.500. Pola contra, o prezo da ISO 14.001 sitúase nos 2.000. Á diferenza dos distintivos anteriores, garante unha mellora continua dos areais e unha conservación natural moito máis esixente. Ademais, os Concellos que aposten por este regulamento terán máis posibilidades de recibir financiamento comunitario.
Axudas á pesca
Logo desta xuntaza, o Presidente e a Vicepresidenta Segunda da Deputación, trasladáronse ó Concello de Burela onde mantiveron unha xuntaza cos representantes da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e o Alcalde deste municipio, Alfredo Llano. Gómez Besteiro pechou, malia que a Deputación non ten competencias, a cesión de 12.000 para contribuír os gastos da Federación.




















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



