Ribadeo, 15 de setembro de 2018. O salón de plenos do Concello acolleu este sábado a entrega dos premios do II Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo.
O edil de Cultura, Farruco Graña, explicou que “Iria Rivas Prieto (pola modalidade de poesía) e Laura Requeijo López (pola modalidade de debuxo e pintura) recolleron cada unha delas o seu premio de 500 euros como gañadoras de dito certame. Iria Rivas presentou o seu poema titulado Km. 0 e Laura Requeijo participou coa súa obra plástica chamada Ritmo”.
O concelleiro de Cultura declarou que “o concello de Ribadeo quere seguir apostando por un certame xuvenil que dea a oportunidade á xente nova da Mariña en xeral, e de Ribadeo en particular, de mostrar a súa capacidade creativa. Desde a Concellaría de Cultura queremos lembrar que neste concurso poden participar todas aquelas mozas e mozos de entre 16 e 30 anos e que sexan da Mariña. As modalidades son: relato curto, poesía e debuxo. Cada participante só pode presentar un traballo para cada unha das modalidades, sendo a temática libre, aínda que se valora especialmente que as obras aborden a perspectiva de xénero e/ou reflictan aspectos ou elementos de Ribadeo e a comarca da Mariña”.
Graña quixo “animar a participar na terceira edición de este certame, que será dada a coñecer cara finais de ano. No substancial, as bases serán as mesmas, polo que xa poden as nosas mozas e mozos comezar a idear novos relatos, novos poemas e nova obra plástica para que cando saia a convocatoria poidan enviar a súa obra ao III Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo”.