Mondoñedo, 01 de outubro do 2018. No pleno celebrado pasado venres día 28 de setembro, o BNG mindoniense logrou aprobar, cos votos a favor de todos os grupos da corporación, dúas mocións na que instaban ao goberno municipal a elaborar dúas liñas de axudas, unha para colaborar economicamente cos estudantes de menor renda do concello na adquisición de libros de texto e material escolar e outra para colaborar no transporte dos estudantes que cursan estudos oficiais en centros de ensino fora da localidade mindoniense unha vez rematada a educación obrigatoria.
Segundo o BNG cada vez que comeza un novo ano lectivo moitos estudantes e as súas familias teñen dificultades económicas para afrontar os gastos de libros de texto, material escolar, aloxamento, manutención ou transporte de ida e volta.
Para o portavoz do BNG no concello, Eloi Cabanas, “as circunstancias económicas familiares non poden ser un freo que impida o normal desenvolvemento dos estudos dos nosos fillos e fillas” e indica que no BNG entenden que o acceso á educación é un dereito básico que debe garantir unha igualdade real de oportunidades para os alumnos e alumnas, e as administracións públicas deben procurar un modelo educativo máis igualitario, para o cal é necesario facilitar ás familias con menos recursos económicos axudas suficientes para poder afrontar os custes derivados do servizo.
O edil nacionalista apunta que a día de hoxe non hai consignación orzamentaria para poder dar estas axudas pero que se pode solucionar a través dun expediente de modificación de crédito ou ben prevela xa de cara aos orzamentos do ano 2019 para que os estudantes, que lles corresponda beneficiarse das axudas, poidan recibilas neste curso 2018-2019.
“Estaremos vixiantes para que se cumpra o acordo plenario”, conclúe.