Viveiro, 19 de novembro de 2018. A Xunta de Galicia colabora co Concello de Viveiro para paliar os danos provocados polos asolagamentos que aconteceron a pasada madrugada e que afectaron a distintos espazos públicos, vivendas, garaxes e baixos comerciais desta localidade.
A administración autonómica puxo todos os recursos a disposición do Concello, en particular, distintos efectivos, maquinaria e medios materias dos servizos de Emerxencias, Augas de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas e de Medio Ambiente, en apoio do persoal municipal.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse ata o barrio de Xunqueira en Viveiro, e a outros puntos da localidade, para comprobar a marcha destes traballos, centrados neste momento na limpeza das zonas que resultaron inundadas.
Balseiro reiterou a disposición do Goberno galego de traballar xuntos para intentar recuperar a normalidade “o antes posible” e nese senso, trasladou á alcaldesa de Viveiro, a disposición de seguir colaborando na avaliación de danos e asistencia ás persoas afectadas.
Pésame e agradecemento
Balseiro aproveitou tamén para agradecer e recoñecer, moi especialmente, o traballo dos integrantes dos equipos de emerxencia que, desde primeira hora da noite, durante a madrugada e agora tamén, están actuando sobre o terreo, e sinalou que a súa actuación foi decisiva para evitar danos maiores.
Quixo tamén trasladar o seu pésame e solidariedade á familia da vítima mortal, localizada sen vida no interior da súa vivenda polos efectivos de emerxencia que asistían as persoas afectadas.
Amplo despeche
Balseiro tamén explicou que a Xunta de Galicia puxo en marcha un amplo despregue desde primeira hora da noite, e de feito coordinou a actuación dos servizos de Emerxencia que incluíron a actuación dos bombeiros comarcais con sede en Viveiro e Barreiros, do Grumir e persoal de Protección Civil (Viveiro, O Vicedo e Ourol), da Policía Local e Nacional e do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) con sede en Cervo
Pola súa banda, desde a Axencia Galega de Infraestruturas traballaron toda a madrugada nas labores de retirada de lodos, co obxecto de restablecer a circulación na LU-862 e na LU-540, para xa durante a mañá centrarse nas labores de limpeza con auga a presión, de vías e beiravías, e nas calzadas, sumidoiros e canalizacións de pluviais.
Persoal do contrato de Conservación e Vialidade empregaron medios mecánicos (palas e camións) e varios equipos de limpeza para restablecer a circulación nas estradas. Rematados estes traballos, a primeira hora da mañá, responderon á petición de axuda do Concello para a limpeza noutras zonas no entorno da estación de autobuses.
Tamén Augas de Galicia desprazou unha brigada ambiental que estaba traballando no concello de As Pontes. En concreto, 4 peóns con motoserras e motorrozadoras e tractor con pluma centrados na limpeza de maleza acumulada no regato da Cova.
Concentración de intensas choivas
Balseiro explicou tamén que no día de onte deuse unha situación extraordinaria desde o punto de vista da concentración de precipitacións. Na estación meteorolóxica máis próxima aos lugares afectados “Penedo do Galo” rexistrouse o evento: 80 litros/m2 en a penas 3 horas, dos que 30 l/m2 caeron en tan so 30 minutos dende as 21:40 as 22:10 horas. Rexistrouse incluso un pico de 14,8 litros/m2 en so dez minutos (de 21,50 as 22,00h).
“Os datos amosan unha intensidade extraordinaria nunha bacía pequena sen capacidade para evacuar toda a auga caída. Estas intensidades de choiva, fixeron que o desbordamento do río fora inevitable”. En todo caso, “nas predicións meteorolóxicas desta fin de semana non se contemplaba e, polo tanto non se advertiu, dunha intensidade de choiva como a que finalmente aconteceu”.
Non é o momento de buscar culpables, senón achegar solucións
O delegado explicou que, rematados os traballos urxentes, haberá que investigar cales foron as causas do que aconteceu, “pero non debemos precipitarnos, nin buscar culpables, senón ofrecer solucións” As administracións competentes terán que analizar diversos aspectos: a presión urbanística, infraestruturas que obstaculizaron o paso, posibles desprendementos de terreos augas arriba… “Todo este análise servirá para mitigar os riscos nun futuro”
Balseiro confirmou que recentemente Augas de Galicia inspeccionou os rios e realizou tarefas de limpeza nas partes nas que considerou necesario actuar. Con todo, estas limpezas non garanten a efectividade total “pois como observarán a forza da auga arrancou árbores completos e non só ramas” Aclarou tamén que o máis eficaz é unha actuación integral nas zonas de risco, por medio dun Plan de Riscos de Inundación.
























O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



