- O Concello de Viveiro informa de que a Avenida de Cervantes permanecerá pechada ao tráfico este sábado 18 e domingo 19 de xullo con motivo das Festas do Carmen da Pescadería
Os cortes de circulación aplicaranse desde as 12.15 horas ata a finalización da sesión vermú e, de novo, desde as 20.30 horas ata o remate das actividades festivas en ambas as dúas xornadas. O Concello agradece a comprensión da veciñanza e recomenda planificar os desprazamentos tendo en conta estas restricións temporais.
- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, asistiu este venres ao Festival Folklórico Internacional de San Cibrao, organizado polo Grupo Folklórico Mistura de Lieiro en colaboración co Concello de Cervo
A cita, consolidada como un referente do verán cultural no municipio, reuniu na Praza dos Campos á formación anfitriona do encontro, a Agrupación La Sidrina, de Lugones (Asturias) e o Grupo Folklórico Estampas de México. A programación continúa o sábado, a partir das 19.00 horas, coa celebración do Festival Folklórico Infantil. Villares puxo en valor o labor que o grupo Mistura desenvolve durante todo o ano na conservación e difusión do patrimonio cultural galego, así como a importancia de iniciativas coma este festival “para manter vivas as tradicións e dinamizar a vida social e cultural dos nosos concellos”.
- Celeiro celebra este sábado 18 de xullo, ás 21:00 horas, a XXVI Festa da Merluza diante da piscina municipal, unha das citas gastronómicas máis destacadas do verán na localidade
As persoas asistentes poderán degustar a tradicional merluza de pincho preparada en diversas elaboracións, nun ambiente festivo que se completará con animación musical para gozar dunha noite de sabor, encontro e bo ambiente.
- A romaría de Monte Castelo celebrarase en Burela os días 24, 25 e 26 de xullo cun programa cheo de actividades para todos os públicos
A organización, a cargo da Asociación R.C.M. Amigos de Monte Castelo, abrirá a venda de parcelas os días 21 e 22, en horario de 18:30 a 20:30, primeiro para confirmar as reservas do ano anterior e despois para repartir as libres. O venres terá lugar a misa na igrexa de Vila do Medio ás 20:00 e, xa pola noite, a actuación do grupo Pekados e o DJ Balbi. O sábado comezará coa sesión vermú a cargo de SP The Sound Project, seguida do concurso de disfraces, xogos infantís, tardeo con DJ Pepu, bingo musical con Marisa Prisa e unha verbena con Pantera Rosa e Gin Toni’s. O domingo celebrarase a misa e procesión en honra á Nosa Señora das Marabillas ás 13:00, e a sesión vermú correrá a cargo do dúo Épok. A romaría conta coa colaboración do Concello de Burela, ABSA e Ledicia, ademais de numerosos establecementos locais.
- Excursión da Escola Infantil Municipal de Cervo a Marcelle Natureza
As familias, o equipo docente, e o alumnado da Escola Infantil Municipal desfrutaron esta semana dunha xornada de convivencia e aprendizaxe neste parque. Ao longo do día, ademais de visitar a reserva e coñecer de preto numerosas especies animais, compartiron un agradable picnic nas instalacións do parque e tiveron acceso tanto á zona exclusiva da reserva como ao resto do recinto. A xornada rematou cunha actividade moi especial: un pequeno teatro participativo sobre a prevención dos incendios forestais, no que os nenos e nenas aprenderon a importancia de coidar os nosos montes e de evitar condutas que poidan provocar lumes, como abandonar obxectos de vidro na natureza. Un día cheo de experiencias, convivencia e aprendizaxes que reforzan o compromiso coa educación ambiental desde as primeiras idades.
- A Presidenta da Deputación, Carmela López, xunto ao Alcalde de Foz e Deputado provincial, Francisco Cajoto, asistiu este mércores na Praza Conde de Fontao de Foz á misa cantada polo coro Mar Aberto na honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros
A eucaristía, un dos actos centrais das festas patronais de Foz, continuou coa tradicional procesión e coa ofrenda floral en memoria das persoas falecidas no mar. A mandataria provincial formou parte da comitiva xunto a numerosos veciños e veciñas, visitantes, membros da corporación municipal e a pregoeira desta edición, María Nelle Castro Neira, focense moi vinculada ás festas desde a infancia.
- O Concello de Ribadeo permitiralles aos locais hostaleiros a colocación de televisións nas súas terrazas para ver a final do Mundial de Fútbol, que terá lugar este domingo, 19 de xullo, ás 21:00 horas
O Concello de Ribadeo atende así a petición realizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, que solicitou permisividade neste sentido aos 67 Concellos da provincia de Lugo. Ademais o Concello autorizou a instalación dunha pantalla na praza de Porcillán. A petición foi realizada pola Asociación Cultural Festas do Carme.