- A UNED de Lugo ofrece a segunda actividade dun ciclo dedicado a facilitar a inclusión na aula do alumnado con Trastorno do Espectro Autista
Esta actividade, na súa segunda edición, centrarase no desenvolvemento das habilidades sociais e comunicativas en alumnos con Trastornos do Espectro Autista (TEA). Así, ofreceranse estratexias para traballar estas habilidades enfocadas no alumnado con TEA, proporcionado novas formas de elaboración de materiais e actividades adaptados e individualizados. Será impartido por Mª Inés Flores Lozano, educadora social, técnico especialista en integración social, familiar, educativa e laboral (persoas con discapacidade) e presidenta Asociación Raiolas Lugo. Realizarase online, en directo ou en diferido, do 6 ao 9 de maio, en horario de 16:00 a 18:30. Máis información e matrícula: https://extension.uned.es/actividad/36661&codigo=LTDEA
- O pasado sábado desputouse o campionato provincial de xadrez en Viveiro
O equipo alevín mixto do colexio Martínez Otero, de Foz, acadou o primeiro posto. Os resultados das diferentes rondas foron: 4-0, 2-2 e 4-0.
- O pasado sábado, 20 de maio, celebrouse o II Concurso de Pesca organizado pola Asociación Deportiva de Pesca Amigos do Ouro ao longo do couto do río Ouro que baña os concellos de Alfoz e Valadouro
O concurso contou con dúas modalidades, mosca e lance, cun total de 20 participantes. “As capturas foron abundantes e tódolos participantes lograron algunha, un deles capturou unha troita de 50 cm. Despois eran devoltas á auga” apuntou Pablo González, presidente do club. “É de agradecer o bo ambiente vivido durante o concurso e a colaboración de todos os patrocinadores” engadiu o presidente, que informa que para este ano a sociedade ten programadas actividades de limpeza do río e xornadas de iniciación á pesca.
- A Garda Civil detivo en Ribadeo a un veciño de Tapia de Casariego, de 27 anos de idade, como suposto autor dun delito contra a saúde pública (tráfico de drogas)
Os feitos tiveron lugar na madrugada do pasado sábado, cando no marco dun operativo policial intervéuselle á persoa detida seis envoltorios de plástico que contiñan 3 gramos de cocaína, un envoltorio de plástico cun gramo de heroína e 400 billetes de diverso valor. O detido foi posto a dispor xudicial.
- O Club de Remo Celeiro participou esta fin de semana no Campionato Galego de bateis
Desprazouse ata A Pobra do Caramiñal, na Provincia de A Coruña con 8 remeiros e 2 patróns, completando participación nesta privilexiada competición con 2 bateis en categoría infantil (masculina e feminina). En canto aos resultados, despois de acadar a 5º posición en tanda, ningunha das 2 tripulacións logrou a clasificación para a regata final por segundos. Nenos, directivos e familiares gozaron dunha fin de semana de Remo emocionante, cargada de experiencias positivas.
- Comezou o Domingueo en Ribadeo. Trátase dunha iniciativa coa que Concello e Acisa pretenden dinamizar os domingos en Ribadeo, de abril a xullo
Esta fin de semana, coincidindo co concurso gastronómico Ribadeo de Tapeo, ducias de persoas disfrutaron da música e da gastronomía no peirao de Porcillán. O 28 de abril o Domingueo en Ribadeo chegará á rúa San Francisco. Ata esa xornada quedan 7 días para seguir saboreando a gastronomía en miniatura na décimo sétima edición do Ribadeo de Tapeo, que esta fin de semana foi un éxito.
- O 10 de maio desprazarase a Alfoz a ITV móbil para realizar inspeccións técnicas periódicas tanto a motos como a ciclomotores
A Alcaldesa, Efigenia Maseda, emitiu un bando para poñelo en coñecemento da veciñanza. Esta unidade estará situada entre o pavillón e a piscina. Todas as persoas interesadas na inspección poden pedir cita na páxina web www.sycitv.com ou no teléfono 982 309 000. “Conservar este servizo é moi positivo xa que nos permite aforrar en desprazamento para pasar a inspección ás nosas motos e ciclomotores, do que tamén pode servirse a veciñanza doutros concellos” apuntou Efigenia Maseda.