- A Deputación apoia a XIII edición do Festival Aturuxo de Bravos, que se celebrará os días 19 e 20 de xullo
A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López, participou este sábado na presentación da décimo terceira edición do Festival Aturuxo de Bravos, que tivo lugar na Sacabeira, en Sargadelos (Cervo), xunto á presidenta da Asociación Cultural Aturuxeiros, Carmen Rivera. O festival celebrarase os días 18 e 19 de xullo no concello de Ourol, coa colaboración da Deputación de Lugo, que achega 5.000 euros para apoiar a organización desta cita xa consolidada dentro do calendario cultural da Mariña. Nesta edición, o cartel inclúe concertos de Sonoro Maxín, Belém Tajes, Filophóbicas ou Zeltia Irevire, entre outros artistas.
- Coa visita de mascotas, con doce, velas e menú conmemorativo tivo lugar a celebración do 6º aniversario da posta en marcha do centro de atención a persoas maiores de Ribadeo
Xunto aos residentes estiveron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Servizos Sociais, Elena Sierra, que quixeron compartir con eles esta data tan especial e pasar unha mañá moi agradable de conversa e de festa.
- Academia A Mariña acollerá o vindeiro martes, 17 de xuño, unha sesión informativa sobre o novo marco de colaboración entre empresas e entidades de formación no ámbito galego
A cita está organizada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración con CECAP. A xornada dará comezo ás 10 da mañá nas instalacións da academia, en Burela. Haberá unha exposición por parte da Consellería sobre as novas convocatorias do programa AFD, unha mesa redonda con participación de empresas e entidades de formación; e un espazo de café-networking para intercambio de impresións e xeración de contactos.
- O Club Deportivo San Ciprián, coa colaboración do Concello de Cervo, organiza unhas xornadas gratuítas de iniciación e diversión co volei
Serán o 16 e o 19 de xuño no Pavillón da Veiga para rapaces e rapazas de 9 a 17 anos. Haberá dúas quendas: ás 18:00 h ou ás 20:00 h. Máis info no teléfono: 637774484.
- Proxección do documental de Pedro Lechuga “Xove, democracia nuclear”
O Concello de Xove, coa colaboración do IES Illa de Sarón, organizou esta proxección sobre a mobilización contra o proxecto de construción dunha central nuclear no municipio nos anos setenta. Tivo lugar este luns 10 de xaneiro no Salón de Actos. Ademais do alumnado e profesorado do IES de Xove, tamén asistiu público interesado neste episodio.
- O Concello de Cervo clausura o curso das Escolas Deportivas Municipais Infantís
Fíxoo cunha exhibición de ximansia rítmica e de patinaxe artística que tivo lugar no pavillón do CEIP de Cervo e que contou coa participación da alcaldesa, Dolores García Caramés, e do edil de Deportes, David Rodríguez, que fixeron entrega dos diplomas e dun detalle a cada unhas das crianzas que asistiron neste curso ás escolas que tamen contaron con outras disciplinas como voleibol, multideporte ou balonmán.
- A Pomba do Arco organiza o venres 27 de xuño, ás 20:30, na Casa da Cultura Poeta Manuel María de Foz unha palestra de Sami Ashour sobre o xenocidio israelí en Palestina
Sami Ashour, natural da localidade de Khan Younis, no sur da Faixa de Gaza, onde reside a maioría da súa familia, é o presidente da Asociación galaico-árabe Jenin, que agrupa a comunidade palestina residente na Galiza. A palestra Sami Ashour pretende achegar un testemuño de primeira man sobre o xenocidio israelí en Gaza e ofrecer unha análise sobre as condicións de vida poboación gazatí.