RIBADEO (FNC) .- O presidente do Clube Náutico de Ribadeo, Mario Coto, presentou hoxe a programación da XIX Semana Náutica de Ribadeo. Este ano contará con diversos eventos de grande importancia como a regata Transgascogne, unha exposición de embarcacións tradicionais galegas ou a conferencia dun grande regatista. A primeira das novidades é o cartel da semana, obra de Daniel Pérez Vargas, un alumno de 9 anos do colexio Sagrado Corazón que gañou I Concurso de Carteis da Semana Náutica que este ano convocou o Clube e no que participaron os centros escolares de Ribadeo.
Mario Coto explicou que “a programación comezará o próximo día 31 de xullo coa recepción dos participantes da VII Volta Naútica a Galicia, haberá un recibimento cun lunch de picoteo e tamén unha queimada. O día 1 de agosto farémoslles o acto de despedida, sairán ás 11.00 da mañá”. Ás 20.30 horas será a inauguración da exposición As embarcacións tradicionais do Arco Ártabro, Ortegal e A Mariña de Lugo, “unha exposición preciosa de botes de vela antigos que será presentada polo autor do libro que leva o mesmo nome. Para o día 3 de agosto está prevista a chegada dos primeiros clasificados da primeira etapa da regata francesa Transgascogne, que é un orgullo que chegue e saia dende aquí. Recibirémolos entre o 3 e o 4. Son aproximadamente uns 45 barcos e traerá a unhas 200 persoas, entre acompañantes e tripulantes. É un acontecemento importante e polo tanto farémoslles un recibimento e unha comida”, seguiu a relatar o responsable do Clube Náutico de Ribadeo.
Charla
Coto afirmou que “o día 5 terá lugar a famosa zalea a Abres, que se fixo tódolos anos e este ano quixemos continuar; sairá ás 15.00 da tarde e a xente disfrutará dunha comida con empanadas, cervexa, refrescos… na area recreativa de Abres. Logo ás 21.00 da noite en Ribadeo farase a festa de benvida ós regatistas da Transgascogne. Será a festa oficial cun lunch cos participantes e as persoas da organización. O mesmo 5, ás 20.00 da tarde teremos un regatista mundial no noso porto, é Antonio Cuevas Mons, moi vinculado a Ribadeo, onde aprendeu a practicar este deporte, acaba de participar na Volta ó Mundo a Vela co barco Telefónica-Movistar e ofreceranos unha charla sobre os avatares do mundo vela. O día 6 de agosto ás 18:00 horas terá lugar o XI Trofeo Caixa Galicia de botes a vela na Ría de Ribadeo. Ás 20.00 horas entregaranse os premios da regata Transgascogne”.
O presidente do Clube Náutico sinalou que “o día 7 de agosto teremos a presentación do libro As embarcacións tradicionais do Arco Ártabro, Ortegal e A Mariña de Lugo, o seu autor explicará cun canón de video e diapositivas as diferentes embarcacións, asteleiros tradicionais e carpinteiros de ribeira. Xa o día 8 de agosto, ás 11.00 da mañá sairá a segunda etapa da regata Transgascogne de Ribadeo a Bourgenay. Farase unha despedida aos regatistas coa prensa, a organización e as entidades que colaboraron que son: o Concello de Ribadeo, a Deputación de Lugo, Fundación Deporte Galego, Turgalicia, Consellería de Cultura e Turismo, Portos de Galicia, Paradores, Transgascogne e Caixa Galicia. Rematamos o domingo día 9 ás 18.00 da tarde co X Trofeo Deputación de Lugo de botes de vela na ría, onde tamén haberá trofeos para os gañadores e ás 20.30 da tarde, terá lugar a entrega de trofeos da XIX Semana Náutica Ría de Ribadeo ás persoas participantes nesta tradicional cita”.
O responsable do Náutico engadiu que “para poñelo colofón a esta semana, este ano, en lugar de facer unha pulpada para tódolos socios, faremos unha cea que se celebrará nunha carpa con mesas e sillas, onde poderemos disfrutar dunha gran churrascada con empanadas, viños, refrescos e a tradicional queimada. Ademais actuará a Coral Polifónica de Ribadeo, teremos unha orquesta para animar a cena e será un evento que se sairá do celebrado outros anos”. Mario Coto cre que “os socios que no resto do ano non participan nada no club, que non teñen embarcacións e que non se lles da nada en todo o ano, teñen dereito a esta festa e queremos que participen, que poidamos cear todos xuntos e que se sintan partícipes. Igual que a continuación despois de rematar todo isto temos máis proxectos en marcha para que estes socios que non posúen embarcacións conten cun local social para realizar diversas actividades, pero estes son proxectos que iremos contando máis adiante. Esperamos que a Semana Náutica sexa do agrado e do gusto de todos e agardamos a participación dos socios como non pode ser doutra maneira”.


















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



