13 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Cervo solicita financiamento para rematar o edificio medioambiental da Atalaia

17-02-10

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, asistiu este mediodía a Ferrol para participar na reunión ordinaria do consello de administración da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao. Nesta xuntanza o rexedor cervense aproveitou a ocasión para solicitar dos responsables do ente portuario unha axuda económica de 250.000 euros para rematar as obras da sala expositiva mediambiental que está situada na punta da Atalaia de San Ciprián.

O edificio comezouse a construír no ano 2006. Dende o remate da súa estrutura os responsables municipais levan facendo xestións con diversas entidades e administracións co obxecto de conseguir as achegas precisas para a finalización do proxecto. “Nun primeiro momento a sala foi pensada para albergar un observatorio natural da fauna mariña, pero a raíz de atoparse restos de interese arqueolóxico durante a súa construción non esgotamos tampouco a posibilidade de utilizalo tamén como espazo museístico que poda albergar as pezas de interese arqueolóxico que se atopen no noso litoral” sinalou Villares.

En opinión do rexedor, o financiamento dos 250.000 euros necesarios para rematar o proxecto é unha reivindicación cervense que a Autoridade Portuaria “non pode deixar en saco roto”. “Penso que a aposta económica da Autoridade Portuaria en obras deste tipo para A Mariña ten que ser maior do que ten sido ata o de agora. Por iso, dende o Concello de Cervo solicitarémoslle esta axuda co obxecto de levar adiante as obras canto antes e que este novo espazo público poda ser unha realidade en breve” dixo o alcalde.

O edificio da aula da natureza e o observatorio de aves e fauna mariña. Foi construído grazas a un convenio subscrito entre a Fundación Arao e o Concello de Cervo mediante o cal dita fundación aportou ao redor de 140.000 euros para as obras.

O edificio construíuse en terreos cedidos pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. O inmoble dispón de dous recintos diferenciados. Por unha parte, un espazo inicialmente pensado para albergar unha aula didáctica destinada a divulgar, coñecer e identificar os exemplares máis característicos da fauna mariña da comarca. O outro espazo do edificio deseñouse inicialmente para situar nel o observatorio de aves e de fauna mariña, dirixido especialmente a estudosos do tema.

A construción deste proxecto enmárcase dentro das accións destinadas á recuperación e posta en valor dos recursos naturais deste municipio e pretende converterse nun elemento de referencia e de concienciación para que os veciños e visitantes aprendan a valorar los recursos naturais do municipio de Cervo e da costa norte de Lugo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive