14 de Novembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Burela alega á Xunta para optar a ser cabeceira do sistema urbano intermedio

24-08-10

NOTA DE PRENSA:

O CONCELLO PRESENTA ALEGACIÓNS ÁS DIRECTRICES DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO DA XUNTA PARA QUE BURELA SEXA CABECEIRA DO SISTEMA URBANO INTERMEDIO. O ASUNTO IRÁ AO PLENO DO 2 DE SETEMBRO, SEGUNDO ANUNCIABA HOXE O ALCALDE.

Burela, 24 de agosto de 2010. O Concello presenta alegacións ás directrices de Ordenación do Territorio da Xunta para que Burela sexa cabeceira do sistema urbano intermedio. O asunto, segundo anunciaba hoxe o alcalde, irá ao pleno do vindeiro 2 de setembro.

Alfredo Llano explicou que “hoxe na xunta de goberno que tivemos pola mañá decidimos presentar alegacións ás directrices de Ordenación do Territorio, aprobadas inicialmente pola Xunta hai unhas semanas e que se atopan en exposición pública. Nese documento aparecen unha serie de plantexamentos de sistemas de asentamento graduado como poden ser a rexión urbana que colle cidades como Coruña e Ferrol ou Vigo e Pontevedra, está o sistema urbano intermedio con núcleos de poboación de 7.000 a 20.000 habitantes e logo están os nodos nos que se establecen pobos dinamizadores comarcais”.

O rexedor sinalou que “nós estaríamos perfectamente encadrados nos núcleos de 7.000 a 20.00 habitantes. Aí está o que se denominan sistemas intermedios ou cabeceiras do sistema urbano intermedio. Dentro desa nomenclatura están dúas cuestións: as cabeceiras que son 19 en Galicia e 11 subcabeceiras. Nós estamos enmarcados nese documento como subcabeceira e reclamaremos a través das alegacións que Burela debe ser cabeceira do sistema urbano intermedio, debido a que estamos perfectamente consolidados polo que a poboación se refire, porque temos preto de 10.000 habitantes. E ademáis ofrecemos unha serie de servizos de nivel comarcal como poden ser o ISM, a Capitanía Marítima ou o Hospital da Costa, a parte de que temos un porto importantísimo”.

Llano engadiu que “nestes últimos anos o único Concello que está a medrar na provincia de Lugo ademáis da capital é Burela, hai que considerar que somos un concello dinamizador tanto económica coma socialmente e Burela debe ter a importancia que lle corresponde nesas directrices aprobadas inicialmente. Burela xa é e seguirá a ser referencia na comarca da Mariña, está medrando tanto en poboación coma nos ámbitos económico e social e nós respondemos ás esixencias que se determinan nesa cualificación. Burela meréceo e así o imos defender con estas alegacións que irán tamén ao pleno do vindeiro 2 de setembro”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive