25 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O desmantelamento do voluntariado exemplifica a política da Xunta na loita contra o lume, asegura Adega

17-08-10

Nota de Prensa

O voluntariado forestal, desmantelado por Feijóo, chave para a concienciación e a disuasión

17 de agosto de 2010. De aqueles pós veñen agora estas lamas. O desmantelamento por parte do governo Feijóo dos dispositivos do Voluntariado en Defensa do Monte Galego, iniciado trala catástrofe de 2006, exemplifica a  política suicida da Xunta en materia de loita contra o lume. Abandono da prevención, esquecemento da sensibilización e da disuasión, recurtes e precarización dos dispositivos de extinción, paralización das UXFOR e privatización encoberta através das SOFOR…. Todo adubiado coa censura informativa, a mentira e a manipulación dos datos, conforma o bochornoso espectáculo dun governo superado polos acontecementos e que non aprendeu ren do pasado, agás para botarlle a culpa ao vento.

LUME E POLÍTICA. Un artigo de Adela Figueroa, ex-presidenta de ADEGA

Galiza volve a arder. E ainda falta setembro, mes no que “secan as fontes e arden os montes”. Para algúns, o exercicio do poder consiste en desmantelar todo o que os governos anteriores levaran feito: hai que marcar diferenzas, mesmo suprimindo os acertos. Un claro exemplo foi a disolución do dispositivo do Voluntariado en Defensa do Monte Galego, que se artellara no verán de 2006, polo San Roque. A partir de aquel momento os incendios comezaran a recuar. Non estou a dicir que o Voluntariado fose o responsábel directo nen único da diminución dos lumes, mas si que foi un dos varios elementos que colaboraron, e non o de menos importancia.
Dende ese fatídico agosto de 2006 e até a chegada de Feijóo ao poder, sempre houbo Voluntariado en Defensa do Monte Galego, que se artellaba xa antes do verán, mais que traballaba tamén no inverno en varios acampamentos: Forcarei, Monforte, Vilagarcía…. A idea de que os incedios do verán apáganse no inverno tentou ser unha realidade durante os anos seguintes ao desastre de 2006. Nestes acampamentos realizábanse traballos de Educación Ambiental con estudantes dos colexios de toda Galiza, colaborábase coas Comunidades de Montes na restauración dos ecosistemas degradados polos incendios, e facíase divulgación e sensibilización ambiental contra do lume. As cuadrillas de Voluntarios/as en Defensa do Monte Galego, eran visíbeis nas zonas de risco no rural  e nas zonas periurbanas. Fixeron un importante labor de disuasión, de prevención, de axuda e de colaboración cos dispositivos antiincendios. Conformaron equipas de xente que acabou por  se integrar coa poboación e se indentificar co ambiente, implicándose en posteriores procesos ecolóxicos e ambientais. ADEGA tivo un  importante papel na organización e mantemento destes dispositivos que fíxonos merecentes do premio “Arousana do Ano” en 2007.

É um grande erro desprezar a experienza e a sabedoría adquirida polos predecesores no exercicio do poder. Desmantelando o dispositivo do Voluntariado en Defensa do Monte Galego, a Xunta non está a aforrar cartos, pois os incendios saen imensamente máis caros que a prevención. O labor de implicación social na corresponsabilidade  e a custodia do noso entorno é un porceso longo, como todos os procesos de ensino-aprendizaxe, mais é un investimento en futuro. Calquera persoa sensibilizada co medio, e hai moitas neste país, estaría disposta a colaborar coa Xunta na prevención desta lacra social, ecolóxica e económica que son os incendios, independentemente da súa cor política. Só precisan de oportunidades, e o que fixeron precisamente os Sres. Feijóo e Juárez foi quitárllelas. Iso sí, cando os lumes lles estouparon na cara e foi imposíbel seguir agochando dimensión do problema, clamaron pola colaboración da sociedade… e culparon aos “elementos” (tanto meteorolóxicos como incendiarios).

Lamentamos infinitamente a desgraza dos dous rapaces de Fornelos de Montes mortos cando loitaban, integrados no SEAGA, contra o incéndio nesa localidade. Quero enviar as miñas condolenzas aos seus, esperando que non se volten dar as circunstancias que fixeron posíbel tan triste acontecemento. Por iso é importante que teñamos a conscienza de que queimar um monte é um acto criminal que debe ser repudiado pola sociedade e castigado pola xustiza. E que os governos deben pór todo da súa parte para loitar contra deles, incluindo a sensatez de recoñecer e aprender dos erros cometidos.

Adela Figueroa Panisse, membro da Directiva nacional e ex-presidenta de ADEGA

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive