18 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Deputación publica unha web que informa das ofertas laborais da provincia

31-01-11

Nota de prensa

A Deputación aumenta as posibilidades para atopar traballo cunha nova web que informa das ofertas laborais da provincia

– Lara Méndez inaugurou a xornada, que contou con máis de 100 persoas entre técnicos de emprego e Alcaldes da provincia, quenes coñeceron o funcionamento da páxina (http://pactoemprego.inludes.org)

– Trátase dunha nova actuación da Deputación para reducir o desemprego e aumentar a inserción laboral dos lugueses, xa que informa de todas as ofertas publicadas polas entidades e organizacións empresariais da provincia

– O novo portal creouse no marco do Pacto Provincial polo Emprego; unha iniciativa coa que se dará traballo a 500 persoas de 66 municipios, agás Lugo, que conta co seu propio programa

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, inaugurou este luns a xornada na que se presentou o novo portal-web da Deputación creado no marco do programa europeo Pacto Provincial polo Emprego. Trátase dunha nova actuación que o organismo provincial pon en marcha para reducir o desemprego e aumentar a inserción laboral dos lugueses, xa que informa de todas as ofertas laborais publicadas polas entidades e organizacións empresariais da provincia.

No encontro, participaron máis de 100 persoas, entre Alcaldes e técnicos de emprego dos 66 municipios que están incluídos no Pacto, todos os da provincia, agás o de Lugo, que supera os 50.000 habitantes e conta co seu propio programa de inserción laboral. Lara Méndez subliñou que “é unha ferramenta extraordinaria para atopar traballo e para evitar noticias malas como as que saían publicadas en días pasados, de que Galicia é a Comunidade que máis destruíu o paro en 2010. Todas as administracións temos que ter un obxectivo: dar emprego á xente. Na Deputación temos un firme compromiso neste eido, a pesar de que non temos competencias na materia”.

Grazas ó Pacto Provincial polo Emprego, dotado con 3,4 millóns de euros e cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo, insertaranse laboralmente máis de 500 desempregados nas profesións con máis futuro na provincia, que foron previamente diagnosticadas. A través deste programa, no mes de marazo, desenvolveranse 45 cursos, que suman máis de 15.000 horas de formación e 60.000 de prácticas en empresas, e están relacionados coas áreas sociosanitaria, hostalería, turismo e forestal. Para participar, rexistráronse 1.650 solicitudes, preto do triple das prazas ofertadas. As persoas que resulten finalmente beneficiarias recibirán unha axuda económica, tanto na formación, como nas prácticas, equivalente ó 75% do IPREM, o que supón uns 400 euros ó mes.

Un novo esforzo para reducir o paro

Este proxecto súmase a outras actuacións coas que a Deputación reduce o paro na provincia, e que en total supoñen un investimento que se achega ós 12 millóns de euros. É o caso do Plan Lugo Emprega, a través do que 711 desempregados accederán a un posto de traballo durante seis meses, desempeñando labores de mantemento de servizos municipais.  Neste caso, o presuposto é de 8 millóns, que non incrementan a débeda pública da entidade provincial, dado que a iniciativa está financiada con fondo propios.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive