25 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Medio Rural anuncia que comeza a reparar os camiños da parcelaria do Val de Alfoz

24-01-11

Nota de prensa

MEDIO RURAL INICIA O ARRANXO DOS PUNTOS MÁIS DETERIORADOS DOS CAMIÑOS DA CONCENTRACIÓN PARCELARIA DE VAL DE ALFOZ

?  A delegada territorial, Raquel Arias, sinalou que se acometerá unha actuación global nos viais unha vez asinado o convenio coa Deputación para o arranxo das estradas da rede provincial

Alfoz, 24 de xaneiro de 2011.- A  Consellería de Medio Rural inicia mañá os traballos de reparación dos puntos máis deteriorados da rede de camiños que da servizo á área de concentración parcelaria do Val de Alfoz.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, acompañada polo alcalde da localidade, Emilio Lousas, visitou hoxe a área de concentración, que afecta a unha superficie global de 1.667 hectáreas e na que se trazou unha nova rede de camiños que suma unha lonxitude de 68,35 quilómetros.

Arias fixou en 3.848.491,67 euros o investimento realizado pola Xunta na apertura destes  case 70 quilómetros de novos viais, “e nestes momentos están orzamentados arredor de 300.000 euros que son necesarios para rematar o seu acondicionamento”, engadiu.

A delegada explicou que esta actuación pretende corrixir o firme nalgúns tramos especialmente danados polas fochancas, á espera dunha actuación global en todo o trazado que “está pendente da sinatura dun acordo coa Deputación Provincial  que permitirá abordar o arranxo das estradas da rede provincial afectadas polo proceso de concentración”.

Así, expuxo que a reestruturación do terreo obrigou a introducir modificacións en catro estradas que son de titularidade provincial. En concreto, Medio Rural executou na rede provincial 5,6 quilómetros de tramos de nova construción e a ensanchou e mellorou outros 6,3 quilómetros.

A consellería asumiu en todos os casos os traballos básicos de construción dos novos trazados e mellora dos tramos que se conservan, procedendo  á ocupación dos terreos,  explanación e o aporte de zahorras.

Igualmente, procederá ao asfaltado do 78% da lonxitude total a reformar, en concreto 9,3 quilómetros de vías. En virtude do estipulado entre Xunta e Deputación, a institución provincial asfaltará os 2,6 quilómetros restantes. Arias confiou en que o acordo “sexa oficial en breve”.

Datos da concentración
A delegada territorial lembrou que a concentración parcelaria que se leva a cabo no Val de Alfoz beneficiará a 1.512 propietarios e comprende a totalidade dos terreos das parroquias de Adelán,  Carballido, Castro de Ouro, Lagoa, San Pedro de Mor e Reirado, no concello de Alfoz.

A delegada subliñou “o importante avance que significa un proceso destas características de cara a un mellor aproveitamento dos recursos”. A concentración de terras “optimiza o uso do solo, rendabiliza a utilización de maquinaria e permite obter mellores resultados cun menor  esforzo”, subliñou.

No caso de Alfoz, a superficie afectada está actualmente dividida en 7.736 parcelas, cunha extensión media de 1.973 metros cadrados cada unha. Tras da concentración converteranse en 2.412 fincas, cunha superficie media de 6.055 metros cadrados. Iso significa que cada propietario posúe ata o de agora unha media de 5,11 parcelas e pasará de dispoñer dunha media  de 1,59 fincas.

Investimentos en Alfoz
No transcurso da visita, na que Raquel Arias estivo acompañada tamén polos polos parlamentarios autonómicos José Manuel Balseiro e Emma Alvarez Chao, a delegada destacou que “Medio Rural investiu máis de 900.000 euros no concello de Alfoz durante o pasado ano, o que da a medida do esforzo inversor que realiza esta consellería”.

Os investimentos englobaron diversos aspectos, como as axudas a empresas para a comercialización de produtos forestais –máis de 368.000 euros-, os propios traballos de concentración parcelaria -114.741 euros-, subvencións para a modernización de explotacións agrícolas ou traballos preventivos de loita contra o lume.

Igualmente, acometeuse o saneamento en varios puntos da parroquia de Carballido –cun orzamento de 95.778 euros- e foi necesario investir máis de 21.000 euros en obras de emerxencia para a reparación dos  danos provocados polas choivas ocorridas no mes de xuño

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive