18 de Marzo de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Deportes da Deputación presentou a reforma do pavillón de Ribadeo á que dedica 2,5 millóns de euros

26-02-11

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NA PRESENTACIÓN DO PROXECTO DE REFORMA DO PAVILLÓN DE RIBADEO

A Área de Deporte financia con 2.500.000 euros estas obras, que dotarán a Ribadeo dunha instalación deportiva punteira, renovando por completo o pavillón antigo

IBADEO, 26 de febreiro de 2011. O delegado de Deporte da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, participou esta mañá na presentación do proxecto de reforma do pavillón ribadense ás asociacións deportivas do concello. Ao acto tamén asistiron o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e o concelleiro de Deporte, Vicente Castro, así como representantes das asociacións deportivas. O proxecto ten un prazo de execución de 12 meses que comezarán a partires de finais de marzo (*), e a Área de Deporte concede 2.500.000 euros para a execución das obras. O proxecto foi presentado por Vicente Castro aos representantes dos clubs, que mostraron a súa satisfacción xa que vai converter a instalación nun pavillón totalmente renovado, do cal unicamente se aproveitarán os vestiarios actuais, xa que foron construídos hai poucos anos. Contará cunha cuberta metálica de aceiro inoxidable formada por unha única peza, e no exterior terá un revestimento tamén metálico. A instalación contará con dous accesos, ademais dun ascensor e unha escaleira exterior de emerxencia. A pista poderá dividirse en 3 espazos mediante unhas lonas, o cal permitirá que o lugar sexa utilizado por varios clubs á vez para adestrar.

O concello de Ribadeo comprobara a necesidade desta reforma polas evidentes insuficiencias do pavillón, que imposibilitaban a práctica deportiva. Fernando Suárez afirmou que “de feito, algúns técnico xa manifestou as súas dúbidas de que o pavillón puidera aguantar o paso dalgún fenómeno meteorolóxico como unha pequena actividade sísmica, e en todos os temporais de vento se pecha durante días a instalación”. O alcalde reiterou o seu agradecemento “á Deputación de Lugo, e en especial á Vicepresidencia Primeira e ao deputado delegado de Cultura e Deporte, por este compromiso con Ribadeo polo que os veciños e veciñas estarán francamente agradecidos”.

O delegado de Deporte afirmou que con estas obras, “cúmprese unha vella demanda do concello e do deporte da Mariña en xeral, xa que dende hai tempo Ribadeo ven reclamando esta reforma e así, ademais, continuamos coa nosa liña de mellora da rede de instalacións deportivas municipais da provincia”. Afirmou que esta é “por fin, o concello contará cun pavillón practicamente novo, reformando o antigo, que data de preto dos anos 60 e presenta múltiples deficiencias”.

A Deputación de Lugo, a través da súa política deportiva, segue deste xeito na liña consolidar a existencia dunha rede de instalacións deportivas públicas na provincia que dea resposta ás necesidades dos concellos nesta materia.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive