16 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O alcalde de Cervo pediu a mediación do subdelegado do goberno para a cesión de locais da Casa do Mar

23-02-11

Nota de prensa
O ALCALDE DE CERVO SOLICITOULLE A VÁZQUEZ PORTOMEÑE A SÚA MEDIACIÓN PARA QUE GOBERNO CENTRAL SE PRONUNCIE CLARAMENTE SOBRE A PETICIÓN MUNICIPAL DE CESIÓN DOS LOCAIS DA CASA DO MAR

* Alfonso Villares agradeceu a visita do representante provincial do Goberno para comprobar as obras de emerxencia da praia de Rueta e aproveitou para entregarlle un dossier coas xestións que teñen feito no Concello para que lles concedan o permiso de utilización dos locais que hai pechados neste edificio dende hai dous anos

Cervo, 23 de febreiro de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, aproveitou esta mañá a visita do subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, ao concello para solicitarlle que o Goberno do Estado se pronuncie claramente sobre a petición de cesión dos locais da Casa do Mar.

Vázquez Portomeñe acudiu a Rueta para visitar as obras de emerxencia feitas polo Ministerio de Medio Ambiente tralas riadas sufridas en xuño do pasado ano que estragaron os accesos a este areal. Unha vez alí, Villares e as concelleiras de Benestar, Pilar Armada; e de Cultura e Xuventude, Chelo Gallego, agradecéronlle devandita actuación; ao tempo que lle transmitíron a súa indignación pola falta de concreción do Goberno Central sobre cesión de uso dos inmobles baleiros da Casa do Mar. “Ademais de ver as obras xa feitas, os representantes estatais nos explicaron as próximas actuacións previstas para a praia de Rueta. Dende o Concello valoramos moi positivamente estas obras e así llo dixemos ao subdelegado do Goberno e tamén ao responsable provincial de Costas; pero aproveitamos tamén a estadía do señor Vázquez Portomeñe para entregarlle un dossier e un escrito dirixido a el no que lle pedimos que se clarifique dunha vez por todas cales son as razóns polas que a Administración Central no quere ceder ao Concello os locais baleiros da Casa do Mar e poder adicalos á cidadanía” indicou o rexedor.

O alcalde apuntou que a idea de transmitir esta petición ao representante do Goberno Central en Lugo xurdiu trala recepción o pasado día 18 no Concello dun escrito “ambiguo e pouco explícito” da Tesourería Xeral da Seguridade Social respondendo ás reiteradas peticións de cesión destes locais baleiros.

No seu escrito a Seguridade Social elude dar unha contestación clara sobre si é ou non o titular do inmoble. Indícalle ao Concello que a Casa do Mar está construída sobre dominio público e recorda que o Instituto Social da Marina tivera que solicitar no seu día unha concesión administrativa sobre esa superficie. Baseándose niso a Seguridade Social asegura que calquera decisión que afecte á ocupación da Casa do Mar terá que ser consultada coa Dirección Xeral de Costas, quen terá que determinar si os usos que o Concello lle quere dar aos locais baleiros (gardería e locais para asociacións culturais) se axustan ás condicións da concesión administrativa.

Escrito ao representante do Goberno do Estado en Lugo

Diante disto o Concello dirixiu un escrito á Subdelegación do Goberno -cuxa copia lle foi tamén entregada hoxe ao señor Vázquez Portomeñe en man- no que se fai constar que a petición de cesión dos locais da Casa do Mar responde a unha inquietude dos propios veciños e pais dos nenos inscritos no Punto de Atención á Infancia municipal e se afirma que a utilización de locais neste inmoble para adicalos a servizos municipais non debera ser un obstáculo “como non foi cando por Orde Ministerial de 8 de outubro de 1992 se cedeu o uso dun local na planta baixa de 46,50 m2 e outro na planta primeira de 12 m2 ó Concello de Cervo”.

No documento, os representantes locais fanlle tamén as seguintes preguntas ao representante do Goberno Central na provincia:

o ¿Cales son os motivos polos que desde o Goberno do Estado, a Tesourería Xeral da Seguridade Social ou Costas, non se lle quere autorizar o uso destas instalacións en desuso ao Concello de Cervo?

o ¿Por que prefire que se prefire dende o Goberno do Estado que o inmoble da Casa do mar se manteña pechado, deteriorándose co paso do tempo, antes de cedelo ao Concello para que este o poña a disposición dos veciños?

o ¿Como é posible que nin a TGSS, nin Costas, nin ningún representante do Estado sexan coñecedores da situación deste edificio, posibles cesións ou titularidade?

o ¿Como é posible que esta cesión non se teña levado a cabo? Sobre todo tendo en conta de que por parte do Concello de Cervo non se está a pedir NIN UN SO EURO AO GOBERNO DO ESTADO, so se pide unha SINATURA DE AUTORIZACIÓN.

“O único que lle pedimos ao señor Portomeñe é que o Goberno do Estado teña vontade política para solucionar este problema polo que levamos loitando en todo este tempo . So queremos que nos deixen dispoñer duns locais que levan sen uso case catro anos e que os propios veciños solicitan facer uso deles. Creemos que por respecto ós cidadáns deste municipio, por lealdade institucional e por sentido común deben de facer as xestións oportunas para que estas instalacións poidan ser utilizadas, sobre todo tendo en conta que foron os propios veciños no seu día os que puxeron a disposición os terreos necesarios para a construción deste edificio” recalcou o rexedor.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive