16 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Centos de gaiteiros participaron na “Alborada para Rosalía” nas vilas e cidades de Galicia

24-02-13

Banda de Gaitas de Cántigas e Frores na Muralla de LugoDomingo, 24 de febreiro de 2013: A Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega, a Universidade de Vigo, e a Asociación de Gaiteiros Galegos, homenaxearon no día de hoxe a Rosalía de Castro, día no que se cumpre o 176 aniversario do seu nacemento. Fixérono da mellor forma posible, coa “Alborada para Rosalía”, un acto sen precedentes que fixo que os sons das nosas gaitas chegaran a todas as vilas e cidades do país unidas por un mesmo fin, honrar á nosa poeta.

Foron moitos os grupos de gaiteiros, as bandas de gaitas, corais, ou mesmo solistas que quixeron honrar a Rosalía coa súas interpretacións, lendo o manifesto creado para explicar o motivo e a razón da iniciativa ou recitando versos da poeta padronesa. Os grupos participantes pódense ver no seguinte enlace:

http://rosaliadecastro.org/chamamento-gaiteiros/

Unha segunda parte desta homenaxe é que todos os grupos gravaron e fotografaron as súas actuacións, para posteriormente poder colgalas na rede e darlle así ao evento a repercusión mundial que merece. O público asistente a estas actuacións que teña fotografías e/ou vídeos tamén pode difundilas nas distintas redes sociais co hashtag: #AlboradaRosalía.

Esta información audiovisual estará dispoñible xa dende hoxe para poder ver así o que ocorreu nos distintos lugares de Galicia no seguinte enlace: http://rosaliadecastro.org/

Dende a AGG manifestamos a nosa ledicia vendo a acollida que esta alborada tivo, chegando os sons das nosas gaitas á práctica totalidade de concellos galegos.

A Alborada de Rosalía

Foi a propia Rosalía a que no final de Cantares Gallegos, sitúa un poema que titula Alborada. Se no resto do libro son os versos dos cantares populares os que dan pé á escritora para crear os diferentes poemas, neste caso a autora segue o procedemento inverso, compón unha letra para unha música. Así o deixa por escrito nunha nota ao pé de páxina: “A mais grande dificultade qu’achey prá escribir esta alborada foy o meu deseyo de que sahise nún todo arregrada á música…”

Das alboradas que os gaiteiros tocan para espertar aos veciños nos días de festa, Rosalía pasa a querer espertar a conciencia da “toleirona mocidád”. É a mesma chamada a espertar do “sono” que xa estaba no poeta Añón e que despois de Rosalía quedará gravada para sempre no Himno de Pondal.

150 aniversario de Cantares Gallegos

Coas celebracións do día de hoxe comezan os actos do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, obra única coa que Rosalía abriu o proceso que se deu en chamar ‘Rexurdimento’ da literatura e da cultura galega.

Durante todo o ano, celebrarase esta efeméride con diversas actividades (exposicións, ciclos de conferencias, concertos, publicacións, eventos a pé de rúa, etc.) a realizar en toda Galicia, e coa pretensión de que teñan réplica en varios lugares do mundo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive