20 de Xuño de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O delegado de Cultura participou na presentación do VII Certame de Investigación Condado de Pallares

11-06-13

presentacion certame condado pallaresLugo, 11 de xuño de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou, esta mañá, na presentación do 7º Certame de Investigación Condado de Pallares que organiza a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en colaboración coa institución provincial.

Na súa intervención, Outeiro asegurou que “estamos ante un certame consolidado, unha convocatoria moi interesante, porque se trata de facer investigación en lingua galega, co que se demostra que o noso idioma non só é útil no ámbito familiar e literario senón tamén no ámbito social e científico”.

“É de destacar –continuou o delegado- o labor que está a levar a cabo a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, xa que a posta en marcha deste certame promove a investigación na zona rural, algo moi positivo se temos en conta que a maior parte da investigación científica no eido antropolóxico ou literario está promovida sempre polas universidades galegas, moi centradas nos ámbitos urbanos e vilegos”.

A área de Cultura da Deputación de Lugo mantén o compromiso adquirido con este certame “por tratarse dunha iniciativa que pretende recuperar unha parte do noso patrimonio material e inmaterial, e que non só posúe unha importancia por incentivar a investigación senón tamén pola súa compoñente divulgadora, ao publicarse o traballo para o coñecemento posterior”, puntualizou Mario Outeiro.

Nesta 7ª edición do certame de investigación poderán participar todas aquelas persoas que así o desexen, sempre que presenten escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa vixente, cunha extensión mínima de 100 folios a dobre espazo con letra de tamaño 12, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo, as cinco localidades que no medievo integraban o Condado de Pallares.

Os escritos orixinais deberán ser enviados por correo certificado, baixo plica, á sede da citada asociación localizada no Concello de Guntín. O prazo de entrega dos traballos rematará o 2 de novembro do presente ano e a obra gañadora será publicada e o seu autor recibirá un premio de 3.000 euros.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive