28 de Setembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Área de Benestar da Deputación colabora coa asociación Ponte dos Santos para o transporte d@s nen@s con discapacidade da Mariña ó colexio de Tapia

19-01-15

vicep-pontedossantosLugo, 19 de xaneiro de 2015. A área de Benestar Social da Deputación destinará 12.000 euros para facilitar que nenos e nenas con discapacidade da comarca da Mariña poidan acudir a un centro especializado en Asturias. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, asinou este luns o convenio de colaboración coa asociación Ponte dos Santos, que preside María José Sante Riopedre, e que está formada por familias con nenos e nenas con discapacidade da Mariña.

Coa axuda da área de Benestar da Deputación nenos e nenas con discapacidade física, nalgúns casos con discapacidade motora ou trastorno xeralizado do desenvolvemento, dos concellos de Alfoz, Foz, Barreiros e Ribadeo poderán acudir diariamente ao Colexio Edes de Tapia de Casariego para estudar e recibir atención especializada. A Deputación financia o transporte escolar destes nenos e nenas desde os seus fogares ao centro educativo, “algo que debería facer a Xunta de Galiza”, denunciou Antonio Veiga, que criticou que “se non fora polo apoio da Deputación estes nenos e nenas veríanse obrigados a estar en réxime de internado lonxe dos seus fogares e das súas familias”.

Estes nenos e nenas permaneceron escolarizados en centros educativos ordinarios dos seus respectivos concellos, pero debido ao cambio de etapa educativa, de primaria a secundaria, as súas necesidades teñen que ser cubertas en colexios específicos, como o Colexio Edes de Tapia, que conta con etapas educativas de infantil, educación básica obrigatoria e programas de transición á vida adulta e desde o ano 1992 recibe alumnado de 3 a 20 anos con discapacidade intelectual procedente da Mariña e o occidente asturiano.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, denunciou “as políticas de recortes en servizos básicos e esenciais como pode ser a educación e a sanidade” e dixo que “desde a Deputación non imos deixar tiradas a estas familias como fai a Xunta, porque temos especial sensibilidade na integración social das persoas con discapacidade”, afirmou.

As partidas para Benestar Social aumentan un 30% en 2015 nos Orzamentos da Deputación
Antonio Veiga fixo fincapé en que os Orzamentos da Deputación para este ano 2015 “van destinados a atender á xente e suplir os recortes que a Xunta de Galiza do señor Feijóo e que están a afectar a moitos cidadáns e cidadás da provincia de Lugo”. Destacou, por exemplo, que o orzamento de Benestar social increméntase este ano un 30%, pasando de 3,4 millóns de euros en 2014 a 4,5 millóns de euros en 2015.

Dentro das partidas destinadas a Benestar Social destaca a dirixida a Prestación de servizos a persoas dependentes e asistencia social, que alcalza practicamente os 3 millóns de euros, destinados a manter servizos como o de Axuda no Fogar (700.000 euros) e Teleasistencia (350.000 euros), así como 900.000 euros para a construción e posta en marcha de 6 residencias de maiores en toda a provincia: Ribadeo, Castroverde, Trabada, Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro e Pol. “Son uns Orzamentos pensados para atender á xente e para dotar de servizos e oportunidades o rural e mostran unha maneira de facer política oposta á que está a levar a cabo o PP na Xunta de Galiza”, remarcou Antonio Veiga.

No eido das Políticas Sociais, destacan tamén os investimentos en educación (300.000 euros para o Campus Universitario e 318.000 euros para a UNED) cultura e museos (con 6,7 millóns de euros) e deporte (con 4 millóns). No total das áreas dependentes da Vicepresidencia da Deputación (Cultura, Turismo, Benestar, Igualdade, Mocidade, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística) prodúcese un incremento no Orzamento do 20%, pasando de 11 millóns de euros en 2014 a 13,2 en 2015.

Colaboración con 50 asociacións do ámbito do benestar
“Coa desculpa da crise económica, as políticas públicas de institucións como a Xunta de Galiza ou o Goberno do Estado van na dirección de introducir recortes precisamente en materia social e nos colectivos de capacidades diferentes, que son aqueles que máis necesitan de apoio público ata o punto de que a día de hoxe se eliminaron un bo número das axudas para a atención destas persoas e, por conseguinte, un elemento para aumentar aínda máis as desigualdades sociais”, denunciou Antonio Veiga, que dixo que, “pola contra, a Deputación de Lugo está comprometida co benestar das persoas e desde a Área de Benestar Social da institución provincial colabórase de xeito decidido coas persoas con capacidades diferentes, porque un criterio redistributivo e de xustiza social fai que as accións de goberno deban ir dirixidas a favorecer a quen menos ten e a apostar decididamente por apoiar a aquelas persoas e colectivos que máis precisan da axuda pública”, remarcou.

Defendeu que “en moitas ocasións as asociacións e colectivos que traballan no eido das persoas con capacidades diferentes e no ámbito dos servizos sociais realizan unha labor que debería ser cuberta dende as administracións públicas, polo que a colaboración con este tipo de entidades é unha das principais liñas de actuación da Área de Benestar da Deputación, máis aínda cando outas administracións teñen reducido irresponsablemente este apoio”.

A Área de Benestar Social da Deputación de Lugo ten ademais entre os seus principais obxectivos o de garantir os mesmos servizos para calquera persoa con capacidades diferentes da provincia de Lugo, independentemente do seu lugar de residencia, polo que ten en marcha axudas convenios de colaboración con asociacións e colectivos distribuídos por toda a xeografía da provincia que traballan con este tipo de persoas. En total son medio cento as asociacións de todos os ámbitos do benestar e os servizos sociais as que contan con axuda e colaboración da Área de Benestar da Deputación, que destina ao apoio aos distintos programas que teñen en marcha estes colectivos un total de 350.000 euros anuais.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive