16 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Con Pólvora e Magnolias. “Aquel vello conto”, por Pablo Álvarez Ramos

20-06-19

Nestes tempos cambiantes, na era cibernética e na sociedade da información, no tempo das redes sociais e da banca electrónica, semella que todo está mudando a unha velocidade que por momentos prognostica o colapso.
Máis non sempre é mellor, e no período de toda historia da humanidade con maior acceso á información sentimos confusión e soidade.
Delle a unha persoa moitas instruccións de xeito simultáneo, con mensaxes contradictorias entre si, e rematará provocándolle un estado de shock, poida que algún trastorno patolóxico en forma de enfermidade mental.
Delle a alguén a máis grande oferta alimentaria de tódolos tempos e abrollará unha sociedade chea de obesos e anoréxicos.
É evidente que calquera proxecto pode tamén “morrer de éxito”.
Por “baixar” e falar do concreto, do tanxible, a modo de exemplo hai tempo que veño observando unha grande cobertura mediática sobre a casuística das okupacións, particulares que de xeito sorpresivo se ven privados da posesión das súas vivendas e que teñen que pasar por un sinfín de desventuras e outros tantos procesos xudiciais para poder recuperalas.
Falando ao respecto en datas recentes co representante da inmobiliaria dunha entidade bancaria, afirmaba con rotundidade que en Galicia non existía okupación, si acaso os únicos supostos que coñecía eran os de pais avalistas, que despois de perder a súa vivenda por desafiuzamento, e quedar sen casa, voltaban de novo.
Podería semellar sorprendente, mais o seu debuxo da realidade axústase aos datos estadísticos: no noso país hai entre 85.000 e 90.000 vivendas okupadas das cales máis das tres cuartas partes son de bancos. 70.000 pisos de entidades financeiras están okupados de forma ilegal.
A Sareb, ou banco malo, foi constituido e participado dun 45 % de capital público para dar saída a toda esa débeda inmobiliaria dos principais posuidores: os bancos.
Logo, ¿non ten a impresión de que datos e información discurren en sentidos antagónicos? ¿Que clase de lóxica nos leva a pensar que mañá alguén pode privarnos da nosa vivenda? ¿Poida que a mesma que a diario nos representa como vítimas de macabros crimes?
En sentido contrario sería convinte subliñar, polo impacto que terá para todos nós, que ven de entrar en vigor o pasado 16 de xuño a nova lei hipotecaria. Sendo o seu espírito dotar de máis transparencia os procesos de contratación de préstamos hipotecarios, traslada unha serie de obrigas aos bancos que xa estaban sendo recoñecidas polos xulgados.
O seguinte paso será poñer en coñecemento dos consumidores o seu contido, as súas particularidades e a súa importancia. É importante que non os enreden con contos, con aquel vello conto.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive