14 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“1050 Aniversario da fundación do mosteiro de Lourenzá : peregrinación e romaría”, Por Manuel Román Ramos

13-08-19

Houbo un tempo en que un grupo de homes ou de mulleres decidían darlle as costas aos pecados do mundo e construían un santuario illado onde vivir en constante adoración a Deus. Pouco a pouco estes cenobios foron fundados por reis, bispos ou nobres. Os reis, ás veces, fundaban estes mosteiros por motivos repoboadores ou de marcas fronteirizas, cando non para darlle acubillo a unha princesa viúva, solteira ou bastarda. Os bispos tiveron gran interese na fundación de mosteiros sobre os que exercían a súa autoridade e eran fonte segura de ingresos económicos. A nobreza tiña o afán da salvación da súa alma e a da súa familia, ademais de demostrar a súa gran influenza política e o seu gran poder ao patrocinar estas grandes obras, ao mesmo tempo que se achegaban ao outro gran poder da época: a Igrexa. A tal fin os promotores das fundacións facían grandes doazóns de terras, cartos e homes. Así os monxes teríanos presentes nos oficios divinos, ao mesmo tempo que transcendía ás xeracións futuras o seu poder e a súa importancia nos tempos idos.
Moitos daqueles mosteiros xurdiron na Alta Idade Media en terras de repoboación, que ata entón eran comarcas ermas, terra de ninguén, lugares abandonados; pero ás veces esas zonas aínda que escasamente poboadas non o estaban totalmente, senón que estaban habitadas por pequenos grupos de pastores ou labregos apegados á súa terra. Este último debeu de ser o caso das terras de Lourenzá cando o conde Osorio Gutiérrez fundou o mosteiro de Vilanova.
Conta a tradición que o conde Osorio, tempo despois de profesar no convento laurentino, decide facer unha peregrinación a Terra Santa para rezar nos Santos Lugares onde transcorrera a vida e paixón do Noso Señor Xesucristo. Chega á Coruña para embarcar, e alí contrata a seis homes, un deles linguaxeiro –intérprete-. Chegado ao porto de Xapha, que dista catro leguas de Xerusalén, viu uns artesáns labrando un sepulcro, tanto lle gustou que dediciu mercalo por 500 siclos de ouro; en sinal de posesión e co seu bordón fíxolle un burato – burato que ao longo dos séculos usaron os romeiros para introducir o dedo-. Solicitou axuda para que o baixaran ao porto e ali o mandou tirar ao mar. Todos contemplaron asombrados como o sepulcro navegaba sobre as augas. De alí partiu o Conde Santo para Xerusalén onde, atopándose no monte dos Olivos, tivo unha revelación de que o sepulcro xa chegara á súa Terra.
De volta a Lourenzá, o conde Osorio intuíndo que os seus días neste mundo chegaban ao seu fin pediulle a Deus que o levase o día de San Xoán Baustista, e aínda que non se sabe o seu dies natalis – día da súa morte-, tal debeu de suceder, xa que dende tempos inmemoriais o día da festa do Conde Santo se celébra o último sábado de agosto. E naquel sepulcro que viñera da Terra Santa o enterraron.
Coroando a fachada do que foi cámara abacial –hoxe Casa do Concello- foi tallado o escudo do mosteiro co sepulcro navegando sobre as augas e coa lenda Sepulcrem eius apud nos est -Na nosa mesma casa está o sepulcro-. Gardando os seus restos coa dignidade de reliquias o mosteiro soubo ser agradecido ao seu fundador, e aínda, que o seu culto non foi aprobado pola Igrexa, o sepulcro foi obxecto, ao longo dos séculos, de nutridas pregrinacións, e estas xentes chegadas a Vilanova dende moi diversos lugares soborearon a súa santidade e proclamárono popularmente santo: O Conde Santo.
Ao sepulcro refírese Francisco Fernández del Riego cando nos di: “Trátase dun auténtico documento histórico. Noticiaba a configuración dunha sociedade: a da existente na diócese de Mondoñedo no século X. Nela os guerreiros especializados coma o Conde Santo ocupaban os chanzos máis altos. O sartego viña ser o expoñente dos dereitos sobre a terra e sobre as cousas. Tal o dereito do Conde sobre esta luxosa peza. Ademais a posesión suporía un ben espiritual”
Desde os primeiros anos de cristianismo os restos dun santo depositados nun sepulcro foron e seguen sendo na actualidade lugares de culto onde os fieles acoden buscando a súa intercesión.O culto ao sepulcro do santo esixía accesibilidade do peregrino á tumba. Imperaba ante todo o desexo de rezar perante o sepulcro do santo e a esperanza de conseguir algunha gracia, xa fose material para o corpo –unha curación- ou espiritual para a alma. Moitas das veces o sepulcro aparece perforado por ocos que permiten meter a man ou un dedo, pois na mentalidade popular os milagres do santo transmitíanse por contacto físico. Todo isto explica que o sartego do Conde Santo estea nunha posición elevada sobre columnas ou piares e que na súa parte inferior teña un burato.
Este sepulcro, que foi unha das pezas estrelas da exposición Galicia no tempo, que se fixo en Santiago de Compostela no ano 1991, foi estudado por diversos especialistas na materia, coma o Dr. Hermut Schlunk, director do Instituto Xermánico Arqueolóxico de Madrid, que en varias ocasións o recoñeceu in situ, ou don Manuel Chamoso Lamas, comisario do Patrimonio. Estes e outros especialistas coinciden en que a súa procedencia é de Aquitania (Francia). No que non se poñen totalmente de acordo é na súa datación. Mentras que o Dr. Schlunk sitúao no século V, Chamoso Lamas cre que é do século VI. Fóra desta pequena discrepancia, o que si temos a certeza é que se trata dunha peza única e dun alto valor artístico, da época paleocristiana – sexa finais do século V ou principios do VI- e de procedencia das terras francesas de Aquitania.
A última vez que se abriu o sepulcro foi o 8 de xuño de 1968. Os restos alí atopados foron obxecto dun exame antropolóxico feitos polos Drs. José Carro Otero e Mª Luisa Varela Ogando forenses e profesores da Universidade de Santiago de Compostela. No interior do sartego atopáronse restos de tres esqueletos dentro dunha arqueta de madeira e un documento no que se testemuña que se pasaron os ósos á arqueta dende o propio sartego o 14 de agosto de 1546. Un esqueleto pertence a un varón de aproximadamente 65-75 anos, idade que coincide cos calculados ao Conde Santo por vía histórica. Outro esqueleto, moi incompleto, dunha persoa de aproximadamaente 18-25 anos, que vén pode ser o do fillo menor do Conde Santo. O outro resto está representado só por un óso do pé.
Como explicar a presenza de elementos pertencentes a tres esqueletos incompletos? Só cabe explicar a ausencia dos ósos que a ambos lles faltan supoñéndoos extraídos, sen documentalo, como reliquias, o que debeu facerse, segundo era habitual, no decurso das varias aperturas do sartego. Entón puido introducirse, se cadra involuntariamente, o astrágalo do pé dereito que dá lugar aos restos dese terceiro esqueleto.
Fisicamente o sarcófago trátase dunha gran peza de mármore gris azulados que ao frótalo ole a fósforo. O seu peso é de máis de 2000 kg. e esta composto de dúas pezas: a urna e a tapa.
A urna na súa parte frontal ten gravado un crismón formado polas letras P–X do alfabeto grego. Este anagrama, xunto co peixe, era dende o século II unha contraseña coa que se identificaban os cristiáns. A tapa está disposta como un tellado de catro vertentes ornamentadas cuns motivos como se das lousas dun tellado se tratase, ou coma se fosen escamas dun peixe. Todo el ésta apoidado en dúas columnas ricamente ornamentadas e cun engrosamento na parte central para así evitar o efecto visual da concavidade que produciría se tivesen os lados rectos: un rasgo que denota un influxo da arte visigótica.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive