19 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Arranca o curso escolar en educación infantil, primaria e especial con 20.316 alumnos matriculados na provincia de Lugo

11-09-19

 Monforte, 10 de setembro de 2019.- O curso escolar 2019/2020 arrancou hoxe para o alumnado galego de educación infantil, primaria e especial con 20.316 rapaces e rapazas matriculados en 122 centros educativos da provincia de Lugo, 6.400 deles en infantil; 13.828 en primaria e 88 en educación especial.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañou no primeiro día de clase aos nenos e nenas do CEIP ‘Luis Pimentel’ da capital luguesa, un dos centros da provincia nos que se están a acometer obras de reforma integral.

Tras esta actuación, na que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional inviste preto de 470.000 euros, a comunidade escolar disporá dun colexio “máis moderno, máis eficiente enerxeticamente, moito máis cómodo e totalmente remodelado”, destacou Balseiro.

Entre as novidades deste curso, o delegado lembrou a incorporación progresiva das novas tecnoloxías ás aulas, con 10 novos centros lucenses no proxecto de libro dixital ou E-Dixgal, ata alcanzar os 59 nesta provincia.

Ademais, destacou que a Consellería segue introducindo distintos programas para reforzar a formación do profesorado en diferentes áreas, “como novas tecnoloxías, estratexias de pedagoxía ou idiomas”, ademais de continuar fomentando as competencias en materias como robótica e o ensino plurilingüe -galego, castelán, inglés-, presente en 43 colexios lucenses.

Na xornada de hoxe comezan a funcionar tamén os servizos complementarios de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería.

Reabren as aulas de Negueira de Muñiz
O delegado destacou que as aulas de Negueira de Muñiz reabriron hoxe despois de permanecer pechadas dende o ano 2012 (por falta de alumnado), con cinco nenos e nenas matriculados no centro, unha escola rural asentada no concello menos poboado de Galicia.

Obras de reforma
Balseiro lembrou que ademais do colexio Luis Pimentel, a Xunta ten en marcha obras de remodelación integral noutros sete centros educativos da provincia por valor total de 6,13 millóns de euros.

“Son obras de gran magnitude que suporán un salto de calidade nestes centros”, dixo o delegado, quen engadiu que a estas actuacións hai que sumar as obras menores realizadas no verán en 90 colexios lucenses (por importe de 1,3 millóns de euros).

O delegado destacou tamén que neste momento está en marcha a construción do novo CEIP Sagrado Corazón, en Lugo, cun orzamento próximo aos 4,3 millóns de euros e un prazo de execución de 16 meses. Está previsto que entre en servizo no curso 2020/21.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive