A chanceler Ángela Merkel ten dito que un bo político sempre ten dúbidas e, polo tanto, revisa permanentemente ás súas respostas fronte aos problemas. E así debe ser, de feito, así é. Pero unha cousa é revisar as respostas aos problemas e outra dar bandazos, cambiar de opinión continuamente e bailar ao son que tocan as enquisas e os intereses persoais e de partido. O do socialista Pedro Sánchez como presidente do Goberno non foi a revisión das respostas aos problemas da nación española; non, foi o bandazo permanente buscando o seu mellor interese, incluso non tanto o interese de partido como o persoal. Porque Sánchez practicou ao fronte do Goberno unha forma de egosocialismo que levou ao país ao bloqueo e a inestabilidade, con graves consecuencias no tecido industrial, na destrución de emprego e na ralentización da economía. Mentres Sánchez, presidente grazas a unha moción de censura innecesaria, inoportuna e inxustificable, creaba problemas a España, a Xunta, presidida por Alberto Núñez Feijóo, xestionaba os intereses de Galicia con eficacia, estabilidade e seguindo a folla de ruta do seu programa. O próximo domingo haberá que elixir entre o modelo de goberno de Pedro Sánchez e o de Alberto Núñez Feijóo; haberá que decidir entre a inestabilidade e o bloqueo ou a estabilidade e a eficacia.
Postos a elixir entre os dous modelos de xestión, pouca dúbida pode haber. Pero para que sexa posible en España o cambio do bloqueo á eficacia, para que sexa viable pasar da inestabilidade á estabilidade é necesario que o voto de centro dereita se concentre no PP, no único partido en condicións de sacar da Moncloa a Pedro Sánchez. Nas eleccións xerais do pasado mes de abril case 30.000 votos de centro dereita da provincia de Lugo quedaron sen representación. Se esta vez ese voto se concentra no Partido Popular, desde Lugo estaremos abrindo o camiño a un Goberno presidido por Pablo Casado; un goberno popular é un goberno co aval de Alberto Núñez Feijoo e de Mariano Rajoy.
O domingo, á hora de votar, non se debe de esquecer que Lugo é unha provincia con amplas zonas despoboadas, para as que o Goberno de Pedro Sánchez non tivo nin un pensamento. Tampouco se debe esquecer que Lugo ten unha poboación envellecida e que o Goberno, moroso, adebeda a Galicia douscentos millóns de euros para atención ás persoas dependentes. Á hora de coller a papeleta no colexio electoral será bo ter en conta que o socialista Pedro Sánchez non fixo nada para garantir a continuidade de Alcoa-San Cibrao, Ence nin Endesa-As Pontes, que dan traballo a miles de lucenses. Tampouco hai que deixar pasar o feito de que con Pedro Sánchez aumentou o paro, é dicir, a inestabilidade xerada polo seu goberno destrúe emprego, complica a vida ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos que tanto sufriron para superar a crise; fai máis difícil garantir as pensións, a sanidade pública, etcétera.
Por certo, o PP, cando gobernou, subiu as pensións, un dato nada irrelevante nunha provincia como a de Lugo. Xa ca papeleta na man, convirá recordar que o AVE a Lugo, grazas ao PSOE, é unha entelequia, un incumprimento máis dos moitos que se lle deben ao partido que perdeu o “O” de Obreiro e o “E” de español para converterse no Partido Sanchista. E tamén que os socialistas sanchistas, que non os outros, non dubidan en pactar con aqueles que queren romper España. É un feito. É o caso de Pedro Sánchez, pero tamén ocorre no inmediato: no Concello de Lugo e na Deputación o PSOE goberna co BNG, que firmou recentemente o manifesto pola autodeterminación de Llotja de Mar con independentistas vascos e cataláns, entre outros.
O PP, creación de Manuel Fraga, é o partido de Mariano Rajoy, o presidente que soubo sacar ao país dunha grave crise económica que o seu predecesor, o socialista Zapatero, negaba cando xa era unha evidencia. O PP é un partido de centro dereita e galeguista. Fraga reivindicou a Castelao como modelo do galeguismo do PP á vez que avisaba de que a invocación da autodeterminación introduce na política galega «un concepto confuso, anacrónico, anticonstitucional e antiestatutario». O voto centrista de sentimento galeguista ten o seu espazo nestas eleccións xerais no Partido Popular; doutro xeito será voto perdido e facilitará que Pedro Sánchez siga na Moncloa, o país sumido na inestabilidade e a economía instalándose na ralentización. É o momento do cambio, e só é posible co PP. Espero que quen, con todo o dereito, votou en abril a partidos de centro dereita que non tiveron representación, esta vez opte pola única posibilidade de cambio real: polo PP.
Elena Candia
Presidenta provincial do PP




















A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.



