15 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Este luns abre a campaña extractiva da centola e do boi na provincia de Lugo

02-12-19

 Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2019.- A Consellería do Mar abre mañá a campaña extractiva da centola e do boi na provincia de Lugo. Na área que vai desde o cabo Estaca de Bares (na provincia da Coruña) ata o río Eo, a frota que se dedica á extracción destas especies pode calar os aparellos a partir das 00:00 horas desta madrugada e levar as especies á lonxa mañá luns.

A campaña destes crustáceos na provincia lucense prolongarase ata o inicio da veda do ano 2020, que se fixará a través do correspondente plan de xestión.

A extracción nas provincias de A Coruña (desde cabo Corrubedo ata cabo Estaca de Bares) e Pontevedra (de cabo Corrubedo á Guarda) comezou xa o pasado 11 de novembro e estenderase tamén ata a data que fixe o plan de xestión do próximo ano.

A cota máxima de captura de cada unha destas especies será de 35 quilos por barco e día, ao cal se engadirán 35 quilos ao día por cada tripulante enrolado e a bordo. Poderán participar na campaña todas as embarcacións con artes menores e con porto base nesta comunidade así como aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive