13 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Persoal das auxiliares de Alcoa protesta nos Concellos de Foz e Cervo para pedir que se atenda a súa situación

10-07-20

 A Mariña, a 10 de xullo de 2020. Representantes do persoal das auxiliares de Alcoa San Cibrao desenvolveron este venres dúas accións reivindicativas ante a falta de resposta por parte da Xunta de Galiza e do Ministerio de Industria á solicitude de reunión para abordar a problemática específica dos máis de 1000 traballadores/as destas empresas ante o plan de recortes e despedimentos formulado pola multinacional do aluminio.
As accións reivindicativas realizáronse, primeiro na casa do Concello de Cervo, e despois na casa do Concello de Foz, para demandar dos rexedores locais (na súa condición de representantes do PP e do PSOE) que medien diante da Xunta e do Ministerio para que se atendan a solicitude de xuntanza remitida de xeito conxunto pola representación social e as direccións das empresas afectadas o pasado 1 de xullo.
Kike Rocha, voceiro da coordinadora do persoal das auxiliares, explicou que o obxectivo desa encontro é trasladarlle ao ambos gobernos a problemática específica deste colectivo laboral, ante a negativa de Alcoa a asumir as consecuencias que a súa decisión ten sobre o emprego das auxiliares. E nesta liña, demandarlle á Xunta e ao Ministerio un compromiso para “que calquera solucións que se atope para San Cibrao teña en conta tamén todos os postos de traballo das auxiliares”.
A este respecto Rocha lembra que non só está en xogo o futuro dos 534 postos de traballo que Alcoa recolle no ERE, senón que hai outros 400 postos das contratas e subcontratas en risco “dos que parece que ninguén se acorda”, e que no seu conxunto, no complexo de San Cibrao traballan máis de 1000 operarios/as de auxiliares.
Neste contexto e ante a urxencia da situación, Rocha salientou que “non entendemos como dez días despois de enviar esa carta non temos aínda ningún tipo de resposta, nin sequera unha chamada telefónica. Entendemos que con este silencio, as administracións están facendo oídos xordos á representación legal de máis de 1000 traballadores/as e non o consideramos nin oportuno nin xusto, cando o único que reivindicamos é que conte con nós para dar garantías de continuidade dos empregos”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive