CERVO.- Segundo un comunicado do PSOE de Cervo o concello subvencionou unha gardería privada con máis de 36.000 euros e só para cinco nenos. Nunha finca privada cerca do colexio de Galdín o concello pagou a montaxe e o aluguer dunha caseta, subvencionou o transporte e co comedor para atender a cinco nenos de familias que non quixeron matricular os seus fillos noutros centros do concello. Mentres isto ocorre os usuarios do Punto de Atención Infantil terán que pagar entre 55 e 110 euros.
NOTA DE PRENSA.
O Concello de Cervo subvencionou con mais de 36.000 € unha gardería privada
O alcalde cobrará aos 30 usuarios do PAI entre 55 y 110 €, e paralelamente subvenciona profesorado, comedor e transporte gratuíto para 5 nenos
Vulneración de dereitos, desigualdade e discriminación en toda regra é a forma de xestión que caracteriza ao Partido Popular de Cervo se nos baseamos nos últimos acontecementos e actuacións levadas a cabo polo equipo de goberno que preside Alfonso Villares.
O caso mais grave produciuse nas últimas semanas cando soubemos que o Concello de Cervo pretende cobrar aos usuarios do PAI unha taxa polo mesmo servizo que ven ofrecendo hata de agora, e sen ningunha mellora a maiores que xustifique o paso de 0 a 110 € de forma inminente, amparándose na diminución de subvencións por parte de Vicepresidencia.
O que non conta o Sr. Villares é que o concello de Cervo no mes de setembro levou a cabo obras de acondicionamento nunha finca privada, anexa ao colexio de Galdín e contratou a instalación dunhas casetas de obra adosadas e o seu aluguer durante todo o período escolar, subvencionando ademais o transporte e o comedor para os 5 nenos cuyas familias non quixeron matricular aos seus fillos nos centros do concello de Cervo, a pesar de que contaban con prazas nos mesmos. O concello completou o atropelo contratando a persoal para dotar de profesorado estas improvisadas instalacións.
2.500 € de montaxe de casetas, 600 €/mes de aluguer e 24.000 € de gastos de persoal, a parte dos gastos de acondicionamento e instalación de auga e luz na finca privada a cargo de persoal do concello de Cervo; en total máis de 36.000 € para 5 nenos. Neste caso, a pesar de non contar con ningún tipo de subvención, o alcalde non tivo reparo algún en sacar os cartos do Concello para esta iniciativa privada.
Mentres, no outro extremo da balanza, 30 nenos usuarios dun servizo público coma é o PAI de San Ciprián, contan con dúas profesoras, e o Concello, non só non subvenciona nin transporte nin comedor, senón que ademais agora intenta poñer unha taxa que afogará aínda mais as economías das familias. En resumo, Alfonso Villares subvenciona o privado e impón taxas aos servizos públicos.
Outro caso de discriminación palpable é a diferenza de criterio á hora de conceder subvencións para as AMPA e asociacións deste concello. Así a modo de exemplo o AMPA do CEIP Galdín, recibe subvencións de 20.000 € para transporte e comedor; pola contra, os CEIP de Cervo, Rivera Casás e o Instituto Marqués de Sargadelos reciben axudas de 1.200 €, o que supón unha clara discriminación e corrobora que para o Concello de Cervo hai cidadáns de primeira e de segunda.
Dende o PSdeG-PSOE parécenos unha auténtica desvergonza o feito de que para o alcalde de Cervo os cidadáns sexan tratados de distinta forma e un atropelo que as familias deste concello non teñan as mesmas oportunidades e dereitos.
O Grupo Municipal Socialista, amparándose en todos estes antecedentes, presentará alegacións á Ordenanza Fiscal Reguladora da taxa para o PAI e solicitará a súa modificación ou retirada.
Paralelamente, solicitarémoslle ao alcalde, que subvencione comedor e transporte para os usuarios do PAI e un incremento do persoal, adecuándoo os ratios coidador/neno e ampliando os horarios, de forma que estes sexan compatibles cos dos pais favorecendo a conciliación da vida familiar e persoal que é a finalidade destes centros.
Alfonso Villares non poderá denegar todas estas peticións para estes 30 nenos, posto que si o fai, estaría vulnerando o dereito de igualdade que teñen todos os cidadáns, e polo tanto o alcalde está obrigado a subvencionar comedor e transporte para todos sen ningún tipo de escusa.
En Cervo, a 14 de xullo de 2008
Grupo Municipal Socialista




















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



